O PSOE de Rianxo propón actualizar a auditoría da rede de auga e “avanzar na regularización do servizo”

15 Maio 2026

O Grupo Municipal Socialista de Rianxo vén de trasladar ao Goberno municipal “a necesidade de avanzar na actualización da situación do ciclo integral da auga no municipio”, apostando, en palabras do grupo, por unha planificación rigorosa e adaptada ás necesidades actuais da rede de abastecemento e saneamento.

Dende o PSOE consideran “prioritario” iniciar a renovación da auditoría da rede, “tendo en conta que actualmente continúa empregándose como documento de referencia un informe elaborado no ano 2011”, sinalan, engadindo que “é necesario contar cunha diagnose actualizada do estado real das infraestruturas para poder planificar actuacións de futuro, priorizar investimentos e ofrecer maior seguridade á hora de optar a subvencións e liñas de financiamento”.

Neste sentido, o grupo socialista tamén insta ao Concello a “preparar proxectos para concorrer á nova convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia destinada a obras de abastecemento, cuxa publicación está prevista para o vindeiro 18 de maio e coa apertura do prazo de presentación de solicitudes a partir do 27 de maio”.

Ademais, os socialistas salientan “a necesidade de avanzar na resolución da situación contractual do servizo de xestión da auga, que permanece nun contexto de precariedade administrativa dende o ano 2016”.

O PSOE di que “esta situación xa fora advertida hai meses polos servizos correspondentes”, polo que consideran “necesario que o Goberno municipal impulse medidas que permitan encamiñar unha solución estábel e definitiva”. Para os socialistas, “a regularización e definición do futuro modelo de xestión do servizo debería ser un dos obxectivos prioritarios desta lexislatura, garantindo seguridade xurídica, estabilidade e capacidade de planificación para os vindeiros anos”.

Do mesmo xeito, o Grupo Municipal Socialista considera “importante” avanzar na posta en marcha da comisión de seguimento do ciclo integral da auga, como “un espazo útil para avaliar a situación do servizo, coordinar actuacións e analizar as necesidades futuras do municipio”.

“Seguiremos trasladando propostas construtivas e útiles para Rianxo, apostando pola planificación, a transparencia e a mellora dos servizos públicos”, sinalan dende o PSOE de Rianxo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...