A campaña PremiARE pecha en Rianxo cunha alta participación

23 Abril 2026

A praza Castelao de Rianxo converteuse este mércores 22 de abril nun espazo de encontro e participación co acto final da campaña PremiARE, organizada pola Asociación Rianxeira de Empresas (ARE). Coincidindo co día de mercado, a actividade conseguiu atraer a numeroso público ao centro da vila, onde decenas de persoas se animaron a participar no xogo do panel de flores, unha proposta dinámica que combinou coñecemento, entretemento e premios inmediatos. Ao longo da mañá, as persoas participantes foron avanzando polos distintos niveis do xogo, respondendo preguntas relacionadas con Rianxo e o seu comercio.

A xornada completouse con animación polas rúas, contribuíndo a reforzar o ambiente e a presenza de público na zona comercial. Como resultado,
repartíronse numerosos premios, entre eles diferentes agasallos promocionais e vales de compra para consumir nos establecementos asociados, cumprindo así co obxectivo da ARE de incentivar o consumo local.

A campaña, desenvolvida durante os días previos a través das compras nos comercios da vila e dunha dinámica activa nas redes sociais, “culminou deste xeito cunha acción na rúa que puxo o foco na participación cidadá e na dinamización do espazo público”, informou a ARE, que destacou “a boa resposta da veciñanza, así como a implicación dos establecementos participantes” e subliñou “a importancia de seguir promovendo iniciativas que conecten o comercio local coa cidadanía dun xeito directo e atractivo”.

Con este tipo de accións, a ARE continúa a traballar na posta en valor do comercio de proximidade, apostando por fórmulas que contribúan a xerar actividade, visibilidade e dinamismo na vila.

O punto central da xornada deste mércores foi o panel temático de flores, no que as persoas participantes puideron xogar presentando os seus tíckets de compra realizados nos establecementos asociados durante a campaña. Cada flor agochaba unha pregunta relacionada con Rianxo e o seu comercio, permitindo avanzar niveis e conseguir diferentes premios.

Entre os premios incluíronse diversos agasallos promocionais, así como vales de compra para consumir nos negocios da vila, reforzando o impacto directo da campaña no tecido comercial.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...