O Concello de Lousame homenaxea a Carolina Castro, medalla de bronce no campionato nacional de remoergómetro

13 Marzo 2026

O salón de plenos do Concello de Lousame quedou pequeno para acoller no mediodía deste 13 de marzo o acto de homenaxe a Carolina Castro, veciña de Tállara, quen vén de obter a medalla de bronce na categoría absoluta feminina ERGPR 1.000 no Campionato Nacional de Remoergómetro disputado o pasado mes de febreiro en Cartaxena (Murcia), no que participou co equipo do Club de Remo Cabo da Cruz.

O acto estivo presidido polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García, quen estivo acompañado polos concelleiros de Deportes, Mariel Agrafojo; Cultura, Silvia Agrafojo; e Obras, Ramón Martínez; así como pola familia de Carolina, os seus compañeiros da asociación inclusiva comarcal Amicos, o seu adestrador no Club de Remo Cabo da Cruz e veciños e veciñas de Lousame que quixeron sumarse a esta homenaxe.

“O concello de Lousame está orgulloso de ti”, asegurou Esteban Ares, quen asegurou que “temos a honra de homenaxear a unha veciña da parroquia de Tállara e recoñecerlle os méritos deportivos polos triunfos que acaba de conseguir pero tamén é xusto recoñecerlle os méritos a súa traxectoria vital. Carolina tivo un accidente e foi un exemplo de superación. A vida púxolle obstáculos diante e ela salvounos todos. É un exemplo no que moitos veciños se deben mirar. Todos os veciños teñen que estar orgullosos de ti porque es un exemplo a seguir”.

Ares García destacou que “hai que ser moi valente para facer o que fas, para transmitir a alegría que transmites e para non parar, seguir para adiante. Porque a todos os deportistas hai que recoñecerlles o mérito que teñen xa que, ademais, levan o nome de Lousame por toda España, pero no caso dela especialmente porque é un exemplo de superación e valentía”. Por iso, pediulle que seguira “saltando obstáculos e con esa alegría e dende o Concello e todo o mundo che seguirá apoiando porque o mereces, o vales e porque todos os teus compañeiros poden ter un espello no que mirarse”.

Sentimento lousamiá

Pola súa banda, Carolina Castro insistiu en que “eu teño sentimento lousamián e sempre vai comigo. Síntome unha lousamiá orgullosa de acadar o que acadei e, por suposto, estou moi agradecida ao Concello por esta homenaxe e quero darlle a grazas a todos por vir”. Así, puxo en valor o apoio da súa familia, “unha familia de labregos que me inculcaron uns valores moi positivos”, en especial da súa avoa e do seu irmán, “quen me ensinou a pasar os desafíos, a que nunca hai que renderse e grazas á miña xente estou aquí disposta a todo”.

Tamén fixo referencia a aquela tarde noite no que un vehículo a atropelou. “Fíxome volver a nacer” e entrar en contacto con distintos colectivos, como é o caso de Amicos onde “sentes orgullo do que fas, do talento que che aporta e o que das”. Neste sentido, puxo en valor a amizade porque “os amigos de verdade, vense” e amosouse moi agradecida por “sentir este agarimo que sinto do meu Concello”.

Insignia e flores

A concelleira de Deportes, Mariel Agrafojo, foi a encargada de facerlle entrega a Carolina Castro dunha insignia co escudo do Concello de Lousame e aproveitou para “agradecer a Carolina por ser un exemplo para todos, pero tamén á súa familia, aos seus compañeiros de Amicos, ao seu adestrador e ao Club de Remo Cabo da Cruz e a todos os veciños e veciñas que estivestes hoxe aquí acompañándoa nun día tan especial”. O alcalde entregoulle tamén un ramo de flores, antes de que todos os presentes degustaran unhas orellas achegadas por unha das voluntarias sénior do Concello de Lousame.

Outros artigos

Boiro sumou forzas contra o cancro cunha cadea humana no centro da vila

A Asociación Española conta o Cancro de Boiro conmemorou na tarde deste sábado 17 de outubro o Dia Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o 19 de outubro, cunha gran cadea humana e a realización dun lazo na rúa peonil de Boiro. Durante estes días o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.