A influencia directa das altas presións situadas ao noroeste peninsular marcará o inicio de semana, garantindo unha xornada de estabilidade meteorolóxica xeral pero con matices evidentes entre o norte e o sur.

Durante o luns, a metade sur gozará de ceos predominantemente pouco nubrados ou despexados, con ampla presenza de sol ao longo do día. En troques, na metade norte predominará a alternancia de nubes e claros, coa posibilidade de que se rexistren chuvascos ocasionais no terzo norte durante a primeira metade do día, tendendo a remitir co paso das horas.
No eido térmico, os valores mínimos experimentarán un lixeiro descenso en todo o territorio, provocando un amencer máis fresco. Pola súa banda, os termómetros diúrnos manteranse sen grandes variacións xerais, agás na metade sur, onde as máximas poderían rexistrar lixeiros descensos.(máximas de 16 interior a 20 graos na costa).
O vento soprará de compoñente norte-nordés con intensidade moderada, deixando unha sensación térmica máis fresca tanto nas franxas litorais expostas coma nas zonas abertas do interior.

O noso mar: Vento do nordés á mañá e do norte á tarde e á noite, forza 4 a 5 á mañá e á tarde e 3 a 4 á noite. Forte marusía á mañá e á tarde e marusía á noite. Visibilidade boa. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1.5 a 2 metros.



