Anunciada a proposta gañadora do xurado do concurso fachada marítima da Pobra do Caramiñal

19 Febreiro 2026

O Concello da Pobra do Caramiñal anunciou este xoves 19 de febreiro a proposta gañadora do xurado do concurso para planificar a fachada marítima da vila, que guiará a redacción dun novo plan director desta contorna. O proceso, desenvolvido en fase única e baixo anonimato, contou coa coordinación técnica da Fundación RIA, o apoio administrativo e legal do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e o financiamento do concurso da Fundación Marta Ortega Pérez (MOP).

A contribución gañadora, presentada polo equipo formado por María Fandiño e LandLab, foi escollida coa máxima puntuación entre as 15 candidaturas recibidas. Baixo o lema Beiras da Caramiña, a proposta formula unha intervención delicada e mesurada, cunha aproximación moi coidada ás distintas escalas de traballo e cunha clara viabilidade técnica.

A proposta mantén “unha imaxe integradora da identidade da vila sen renunciar á potencia transformadora da actuación, conciliando patrimonio, espazo público e actividade produtiva nun marco flexíbel e evolutivo”, salientou o Concello.

O xurado estivo presidido polo alcalde da Pobra do Caramiñal e integrado por Alfonso Salgado (Salgado e Liñares), Elizabeth Abalo (Abalo Alonso Arquitectos), Marcial Rodríguez (RVR Arquitectos); Ana Fernández, en representación do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia; o arquitecto municipal, Carlos Bóveda; e con Adrián Juan Márquez Caramés como secretario do xurado.

Este equipo de profesionais e expertas/os recoñeceu “a coherencia arquitectónica da proposta” e “a súa capacidade para establecer unha estratexia clara para o futuro da fachada marítima”.

Como resultado do proceso, o equipo gañador recibirá un premio de 20.000 € a conta da adxudicación do contrato para a redacción do Plan Director. Os equipos finalistas (Javier Rocamonde e Rodríguez + Pintos arquitectos) recibirán un premio de 8.000 € e 5.000 € respectivamente en recoñecemento ao seu traballo.

O proxecto gañador do concurso

Beiras da Caramiña é a proposta seleccionada polo xurado para guiar a transformación da fachada marítima da Pobra do Caramiñal. Escollida coa máxima puntuación entre as 15 candidaturas presentadas, a proposta do equipo formado por María Fandiño e LandLab destaca pola “súa aproximación delicada e mesurada a un ámbito de gran complexidade urbana, territorial e institucional”.

O xurado valorou especialmente a súa capacidade para traballar con coidado entre as distintas escalas de intervención (desde a estrutura xeral da fronte marítima ata o detalle do espazo público) formulando unha estratexia viábel e desenvolvíbel por fases.

Un dos aspectos máis recoñecidos foi a maneira na que a proposta integra o tecido existente, mesturándoo a cada paso de xeito perpendicular coa linearidade da fronte marítima. Esta operación, valorou o xurado, “permite que a fachada non funcione como límite, senón como elemento que penetra no interior do tecido histórico, reforzando a continuidade entre vila e mar”. A proposta, salientaron, “mantén unha imaxe integradora da identidade da Pobra do Caramiñal, sen renunciar á potencia transformadora da actuación, formulando un marco flexíbel capaz de ordenar mobilidade, espazo público e actividade portuaria, garantindo ao mesmo tempo o funcionamento do mercado semanal e a vida cotiá da vila”.

Beiras da Caramiña propón así “unha visión estratéxica que combina respecto polo existente e capacidade de proxección futura, establecendo as bases para un Plan Director que poida orientar a evolución da fachada marítima nos vindeiros anos”.

O equipo formado por María Fandiño e LandLab conta cunha traxectoria consolidada en proxectos de planificación urbana e intervención en espazos litorais. Entre os seus traballos recentes destaca a proposta gañadora do concurso para a transformación da fachada marítima de Bueu.

O concurso parte dunha diagnose realizada pola Fundación RIA no ano 2018, en colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), que puxo o foco na estrada AC-305 e a súa afección ao tecido urbano da Pobra e outras vilas da contorna. Como resultado deste traballo previo, elaboráronse os pregos técnicos que sustentan a presente convocatoria, nos que se define o ámbito de intervención e os criterios clave que guiaron as propostas.

O espazo de intervención abrangue desde a Ponte de San Antonio, ao sur do núcleo urbano, ata a estación de autobuses e o porto comercial, ao norte. Neste tramo de litoral concéntranse numerosos elementos clave: zonas portuarias, espazos verdes, equipamentos públicos, vivenda, tráfico de paso e o mercado semanal, que cada mércores transforma radicalmente o funcionamento da vila.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...