O BNG alerta da intención do Goberno de suprimir “16 oficinas de Correos na Galiza” e esixe rectificar

23 Xaneiro 2026

O Bloque Nacionalista Galego alertou este venres 23 de xaneiro da intención do Goberno do Estado de “avanzar no fechamento de até 16 oficinas de Correos na Galiza”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualifícao como un “novo golpe ao servizo postal público e unha agresión directa ao rural galego” e reclama ao Executivo que rectifique de inmediato os recortes recollidos no documento interno de Correos Cambios Operativos. Nova Segmentación e Plan de Ordenación.

Segundo explica Rego, este plan introduce criterios que penalizan especialmente as poboacións rurais e os concellos máis pequenos, ao limitar a existencia de oficinas postais aos municipios con máis de 3.500 habitantes e permitir que nas zonas de baixa densidade a distancia até a oficina máis próxima poida chegar aos 20 quilómetros. “Nun país como a Galiza, coa maior dispersión poboacional do Estado, esta medida supón na práctica deixar a millares de persoas sen acceso real ao servizo postal” advirte.

O deputado nacionalista subliña que o cadro de Ordenamento da Rede confirma que “a Galiza é unha das zonas máis prexudicadas, consolidando unha política de desmantelamento progresivo de Correos que se vén realizando xa nos últimos anos mediante a redución de persoal, de horarios de atención ao público e de recursos, especialmente no ámbito rural”.

“O que se presenta como unha optimización non é máis que o fechamento de oficinas e a perda de emprego público, mentres se avanza cara un modelo de servizo postal exclusivamente urbano, pensado para as grandes cidades”, sinala, ao tempo que denuncia que “Correos pretenda xustificar estes recortes coa caída dos envíos tradicionais para priorizar a diversificación do negocio, centrada fundamentalmente na comercialización de seguros privados de AXA, aproveitando a súa condición de Servizo de Interese Económico Xeral”. Para Rego, “é incoherente que se fechen oficinas e se obrigue ao persoal a vender seguros privados cando a prioridade debería ser garantir un servizo postal público, accesíbel e de calidade”.

Do mesmo xeito, o deputado BNG alerta de que a implantación de proxectos como o denominado PUDO, baseado en puntos de recollida en comercios ou estancos, supón un paso máis na substitución da rede pública de oficinas por modelos alleos ao servizo postal universal, con menos oficinas, menos persoal e menos reparto.

Ante a proposta do executivo, Néstor Rego exixe que se paralice calquera plan de fechamento de oficinas de Correos na Galiza, que modifique os criterios de segmentación que discriminan o rural e os concellos con menor poboación e que aposte decididamente polo mantemento e reforzo da rede pública postal, garantindo o persoal e os recursos necesarios para cumprir co Servizo Postal Universal en todo o territorio.

O deputado do BNG advirte que, a pesar a prórroga até 2030 da condición de Correos como operador designado, “con estes plans será imposíbel cumprir esa obriga legal e social, especialmente nun país como a Galiza”.

Outros artigos

Rois entrega os diplomas do curso de lingua e cultura galegas

A entrega de diplomas ao alumnado realizouse no Fogar do Selmo O Concello de Rois celebrou onte, xoves 5 de novembro, a entrega de diplomas do curso de introdución á lingua e á cultura galegas. A formación, impartida pola profesora Noelia Amado, reuniu alumnado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

“Xuíces e autos xudiciais” – José Manuel Pena

Hai bos xuíces, profesionais e valentes que cumpren coas súas obrigas. Un deles, sen dúbida, é Borja Pérez, titular do Xulgado Número 2 de Ribeira. Dita un auto xudicial polo cal suspende o lanzamento dunha familia vulnerable de Ribeira, en aplicación do novo RDL...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.