Un ateigado Salón de Plenos do Concello de Noia acolleu este venres xaneiro de 2026 unha recepción oficial ao deportista noiés Adrián Salanova, nun acto emotivo co que se quixeron recoñecer os seus méritos deportivos acadados ao longo do ano 2025 e a súa brillante traxectoria no taekwondo a nivel internacional. O acto estivo presidido pola concelleira de Deportes, Sandra González, acompañada pola concelleira de Cultura, Chelo Martínez. Xunto a elas estiveron presentes Chema Salanova, presidente do Club Maniotas e pai do homenaxeado, así como o propio Adrián Salanova.

Durante a recepción, o deportista estivo arroupado por compañeiros e compañeiras de club, amizades, familiares e diversos representantes municipais, nun ambiente próximo e cargado de emoción. Entre o público atopábase tamén Lucía Salanova, irmá pequena do homenaxeado, á que se lle fixo un tributo especial pola súa prometedora carreira deportiva, que semella seguir o ronsel do seu irmán.
No seu discurso, a concelleira de Deportes destacou, emocionada, que 2025 foi o ano da consagración internacional de Adrián Salanova, salientando algúns dos seus logros máis relevantes, como o 22º posto no ranking mundial, o 5º posto do mundo nunha proba internacional disputada en
Kenia ou o 4º posto no Grand Prix Challenge de Corea, resultados que “o consolidan como unha das grandes realidades do taekwondo a nivel global e confirman que non se trata xa dunha promesa, senón dun presente sólido con gran proxección de futuro”, sinalou.

Na súa intervención, Adrián Salanova quixo agradecer ao Concello de Noia o recoñecemento recibido, así como a asistencia de todas as persoas
presentes. Nas súas palabras, animou á mocidade do club a chegar aínda máis lonxe ca el, subliñando que para acadar os soños deportivos non é necesario máis que traballo, dedicación e disciplina.
Pola súa banda, Chema Salanova puxo en valor a importancia deste tipo de actos institucionais, sinalando que, máis alá das medallas e dos trofeos, o
calor do seu pobo, da xente próxima e o recoñecemento de quen sempre está apoiando é o que realmente marca a diferenza. “Moitas veces un abrazo vale máis ca un trofeo”, afirmou, reivindicando tamén o deporte de base como filosofía fundamental do Club Maniotas.
Como peche do acto, o Concello de Noia fixo entrega a Adrián Salanova dunha placa conmemorativa na que se recollen os seus fitos deportivos como mostra de orgullo colectivo e agradecemento por levar o nome de Noia aos máis altos niveis do deporte internacional



