A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu este martes o acto de toma de posesión de Isaac Rosón Sánchez-Brunete como novo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, cargo no que lle desexou “moitos acertos para seguir impulsando a actividade marítimo-pesqueira de Galicia”.

Durante o acto, Villaverde destacou a traxectoria profesional do novo responsable autonómico e subliñou a importancia de continuar avanzando na modernización, innovación e sustentabilidade dun sector estratéxico para a economía galega.
Pola súa banda, Rosón Sánchez-Brunete agradeceu a confianza depositada no seu nomeamento e trasladou o seu “compromiso” cun sector ao que non chega de novo. É licenciado en Enxeñería Naval e Oceánica pola Universidade da Coruña e conta cunha ampla experiencia tanto na administración pública como no ámbito privado.
Antes da súa incorporación á Consellería do Mar, exerceu como director da Área de Innovación Empresarial do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Con anterioridade, ocupou diversos cargos nos departamentos de Seguridade e Inspección Marítima das Capitanías Marítimas de Alacante e Barcelona, onde mantivo contacto directo con armadores, tripulacións, confrarías e estaleiros.
A súa traxectoria profesional inclúe tamén experiencia no ámbito académico, como profesor asociado na Facultade de Náutica de Barcelona, así como no sector privado, onde desenvolveu traballos relacionados co deseño naval en diferentes empresas especializadas.
Co seu nomeamento, a Consellería do Mar reforza a aposta pola innovación tecnolóxica e pola mellora continua da actividade pesqueira e acuícola galega.



