O programa autonómico Nadal en Rede, impulsado novamente pola Secretaría Xeral da Lingua e os concellos da Rede de Dinamización Lingüística, enche estes días as festas de actividade e celebración en galego. Entre as propostas deste ano inclúese un espectáculo de A Gramola Gominola (Especial Nadal), que, como lembraremos, recala este luns 29 en Ribeira.
O grupo de música infantil máis famoso do momento chega a Nadal en Rede cargado de panxoliñas a ritmo de rock. A banda formada por Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Muñoz ofrece un espectáculo onde soarán as cancións do seu cuarto disco, O Nadal coa avoa Fina. Tocarán temas como O Apalpador, O rap metal do Nadal, A Noiteboa sempre é boa coa miña avoa…, temas para recuperar valores e tradicións e, sobre todo, para bailar e para cantar en galego a todo pulmón.
A cita de Ribeira será este luns 29 de decembro ás 19.00 horas no Auditorio Municipal.




