A Unidade de Trastornos do Movemento da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza recibiu a máis alta acreditación de calidade outorgada polo Grupo de Estudo de Trastornos do Movemento (GETM) da Sociedade Española de Neuroloxía. Este recoñecemento pon en valor a excelencia da atención especializada, consolidando á unidade como referencia neste ámbito e avaliando a calidade asistencial ofrecida.

O acto de entrega da acreditación celebrado no Clínico contou coa presencia de Ángel Facio, xerente da área sanitaria de Santiago e Barbanza; Isabel Campos, directora de enfermaría; José María Prieto, xefe do servizo de neuroloxía da área; Ángel Sesar, responsable da unidade e Susana Arias, neuróloga e representante da Sociedade Española da especialidade, entre outros.
No recoñecemeno destacouse que a UTM (integrada por facultativos dos servizos de neuroloxía, neurocirurxía, neurofisioloxía e neurorradioloxía, xunto co persoal técnico de radioloxía e de enfermaría adscrito e dos servizos de anestesia, xenómica e dixestivo), destaca polo “seu enfoque de traballo en equipo, baseado na colaboración multidisciplinar na que cada profesional aporta a súa experiencia para mellorar os procesos asistenciais e ofrecer unha atención centrada no paciente”.
O funcionamento da unidade apóiase en protocolos sustentados na mellor evidencia científica, co obxectivo de minimizar riscos e optimizar os resultados clínicos. Esta certificación supón un estímulo para seguir avanzando, innovando e poñendo sempre ao paciente no centro do labor asistencial.
A acreditación reflicte un compromiso coa mellora continua que combina recursos diagnósticos e terapéuticos avanzados cunha atención personalidade, proporcionada por equipos de profesionais altamente cualificados.
O proxecto de acreditación promovido polo Grupo de Estudo de Trastornos do Movemento (GETM), busca identificar e recoñecer unidades clínicas que ofrecen un atención integral, humanizada e de alta calidade a pacientes con enfermidade de párkinson. Este programa avalía aspectos clave como a seguridade, a xestión tecnolóxica e a minimización de riscos, garantindo servizos de saúde que cumpren cos máis altos estándares e melloran o benestar dos pacientes.
Para obter esta acreditación, cada unidade debe someterse a unha auditoría interna exhaustiva, cuxo obxectivo é identificar áreas de mellora e emprender accións que corrixan posibles deficiencias. Este proceso ten un impacto directo nos pacientes e contribúe a establecer unha relación de confianza nos resultados dos procesos asistenciais e administrativos.



