Segundo os bombeiros, todo apunta a que o vehículo colidiu inicialmente coa entrada dun garaxe e, posteriormente, cunha farola
Francisco Rubio Vicente, exconcelleiro do Partido Popular na pasada lexislatura no Concello de Rianxo, perdeu a vida na noite do mércores nun accidente de tráfico rexistrado na estrada DP-3301, á altura do quilómetro 1.

O 112 Galicia tivo coñecemento do suceso ás 21:35 horas, tras recibir o aviso dun particular que alertaba de que a persoa que se atopaba no interior do vehículo semellaba estar inconsciente. De inmediato, desde o centro de emerxencias mobilizáronse os servizos sanitarios do 061, os Bombeiros de Boiro, a Garda Civil, a Policía Local e efectivos de Protección Civil.
Unha vez no lugar do accidente, os equipos de intervención confirmaron que o ocupante do vehículo falecera e permanecía atrapado no interior, polo que foi necesario empregar material de excarceración para proceder á súa liberación.
Segundo informaron os Bombeiros, todo apunta a que o vehículo colisionou inicialmente coa entrada dun garaxe e, posteriormente, contra unha farola, aínda que as causas do sinistro están a ser investigadas.
Desde o PP de Rianxo trasladaron publicamente as súas condolencias pola morte do exedil, amosando o seu “fondo pesar” e destacando o seu labor “comprometido co pobo e coa vida municipal”.



