O Concello de Ribeira entrega os premios dos concursos de embelecemento de Nadal nas súas tres modalidades

23 Decembro 2025

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto coas concelleiras Ana Barreiro e Carmen Pérez, de Cultura e Promoción Económica, respectivamente, participaron este martes 23 de decembro na entrega dos premios dunha nova edición dos concursos de embelecemento de Nadal nas súas tres modalidades. Sampedro tivo palabras de agradecemento para tódolos participantes neste certame por “contribuír a engalanar todos xuntos Ribeira. Así, ao esforzo que fixemos dende o Concello súmase o de toda a cidadanía que decorou o exterior das súas casas, dos seus comercios e dos seus locais hostaleiros para que as nosas rúas luzan espléndidas nestas datas”.

A rexedora destacou o incremento da participación con relación á anterior convocatoria e as distintas técnicas de ornamentación: “Houbo quen optou pola tradicional decoración con luces, pero tamén quen lle deu unha segunda vida a elementos que xa non cumprían coa súa función habitual para convertelos en adobíos cos que outorgar de espírito de Nadal aos seus fogares”, apuntou. Esta iniciativa, dixo, tamén busca repercutir positivamente na economía local, polo que tódalas cestas que se entregaron como premio foron adquiridas no pequeno comercio local, tanto do centro urbano como das parroquias, de aí a heteroxeneidade de cada cesta, se ben todas elas atópanse conformadas por produtos típicos destas datas polo valor
correspondente a cada categoría.

Na modalidade de fachadas, balcóns e xardíns houbo 9 distincións, unha por parroquia, con cestas por unha contía de 200 euros cada unha. Así, resultaron galardoadas as decoracións O Nadal en Laxes, en Carreira; La casa de las luces, en Olveira; Nadal feito á man, en Aguiño; Ledicia do Nadal, en Ribeira; Non hai Nadal sen Grinch, en Palmeira; A maxia do Nadal, en Artes; Villa Choupiña, en Corrubedo; Navidad en colores, en Castiñeiras; e Nadal de pedra e madeira, en Oleiros.

Tamén se recoñeceu a ornamentación dos locais hostaleiros: Cervecería Morrison, levou o primeiro premio coa súa correspondente cesta por importe de 250 euros; mentres que o segundo foi para O Tear, por valor de 160 euros.

En canto aos comercios, o primeiro posto levouno Teresa Arreglos de Confección, cunha cesta tamén valorada en 250 euros; e, en segundo lugar quedou Carnicería A de Juana, cun importe de 160 euros. A decoración deberá estar exposta dende o 17 de decembro de 2025 ata o 6 de xaneiro de 2026, ámbalas dúas datas incluídas.

Outros artigos

Noia alzou a voz contra a violencia machista

Na mañá deste mércores 25 de novembro, o alumnado dos centros educativos de Noia foi protagonista da lectura do manifesto con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A axenda deste mércores deu comezo ás 11.45 coa lectura da...

+

Ribeira suma unha nova veciña centenaria: Rosa Dios Cores

Rosa Dios Cores soprou onte o número 100 para converterse nunha nova veciña centenaria de Ribeira. A alcaldesa, María Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, desprazáronse ata o domicilio familiar da parroquia de Oleiros para compartir tempo nun...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

“Desde la ventana del aula”. José Castro López

Cuenta Eduardo Infante en su libro Filosofía en la calle que, mientras explicaba un díala metafísica de Aristóteles en el instituto, advirtió que los alumnos tomaban notas ensus cuadernos. Pero al fondo de la clase estaba una chica sentada junto a una ventanaque no...