Eles, os que andan na acción permanente, tampouco o entenden. Non entenden nada, non saben cal
é a razón para que os outros mintan e eles tampouco saben o que fan. Mentir, segundo o dicionario
da RAG, “é dicir cousas que se sabe que non son verdade” ou “deixar ver algo que non é certo”. Os
mentiráns son persoas embusteiras, que pretenden amañar, sen amañar nada, agrandando a
desfeita e o descrédito.
Se miramos para os políticos, eles pensan que non. Fían da rendibilidade da trola e andan coa
alburgada, como se os outros fosen parvos ou panocos dispostos a “comulgar con rodas de muíño”.
A verdade! A verdade vai parella á realidade e non debemos esquecer que F. Nietzsche sinalaba que
“soamente mediante o esquecemento pode o home algunha vez chegar a imaxinarse que está en
posesión dunha verdade”.
Agardando estamos, pensando na desmemoria, mirando para a realidade cambiante, naufragando
no mar transitado polos barcos, transatlánticos e grandes (ou grandísimos) iates de vela ou de
motor. Agardando seguimos, e seguiremos, ata saber se é verdade ou mentira o que nos contan.
Queremos indagar nas distintas correntes filosóficas e saber se a verdade pode ser mentira e se a
mentira pode ser verdade. Quen sabe?
É certo que moitos queren a verdade cando lles parece conveniente, cando poden agarrarse a ela
para defender os seus principios e, se é o caso, as súas propiedades e as dos amigos. E a mentira?
Para que queren a mentira? Para o mesmo, para a súa defensa, a dos seus e a dos seus intereses. Iso
si, todos saben, e vostedes tamén, que se pilla antes a un mentirán que a un coxo”.
Parece que a verdade e a mentira son ferramentas que amparan as ilusións das persoas, esas
ilusións necesarias para vivir, para andar e para volver. Sería conveniente preguntar aos mentireiros,
consultar nas alturas e pescudar nos arredores. Para que a verdade sexa verdade, hai que crer nela,
respectar ao que se di e a quen o di.
Non estaría mal pensar que, como di aquel proverbio xudeu, coa mentira vaise lonxe, pero camiñas
sen a esperanza de retorno. Xa o dicía Celso Emilio Ferreiro, “Camiñan ao meu rente moitos homes…
e coma un irmáu che falo”. Aí seguimos, a Tía Manuela, como Bertolt Brecht, quere defender a
verdade, aínda que sexa cun fero ataque. Nin máis nin menos!
Xoves 24, persistencia do aire cálido con brétemas costeiras no litoral atlántico
Galicia continuará este xoves 24, Nosa Señora da Mercede, baixo a influencia dunha masa de aire cálido combinada con ventos de orixe marítimo, unha configuración que achegará niveis moi elevados de humidade á metade oeste da comunidade. O fenómeno máis destacado da...



