
O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, compareceu na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo para informar sobre a prórroga excepcional outorgada polo seu departamento á empresa boirense JEALSA Foods en base “ao seu interese estratéxico”. Álvarez Vidal subliñou os datos de creación de emprego do grupo empresarial, concretamente 3.000 postos directos e 12.000 indirectos, como garantía do carácter estratéxico da concesión. O presidente lembrou que Portos de Galicia autorizou, o 27 de novembro deste ano, a prórroga excepcional da concesión á compañía para industria conserveira e actividades complementarias no porto de Bodión (Boiro), ampliando o seu prazo de vixencia ata o máximo permitido pola lei 6/2017 de Portos de Galicia. Deste xeito a nova data de extinción queda fixada o 03.06.67. Indicou que a ampliación da concesión autorizada por Portos de Galicia responde a unha solicitude do grupo empresarial no marco da modificación legal da Lei de Portos de Galicia que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2025 e que permite o tope máximo do prazo de vixencia das concesións –pasando de 50 a 75 anos- sempre que esta ampliación se acompañe dun investimento proporcionado. “Deste xeito acompasouse a normativa autonómica coa estatal para evitar que a autonómica fose máis restritiva”, dixo.
Álvarez Vidal destacou que “esta ampliación da concesión é a primeira que se concede nestes termos e outorgouse en base á xustificación por parte da empresa dos requisitos legais preceptivos: o interese estratéxico da concesión e o investimento proporcional ao incremento de prazo”.
Polo que respecta ao primeiro, “a declaración da concesión como estratéxica, de especial relevancia para a actividade portuaria, baséase nos datos de emprego do grupo empresarial que, ademais de xerar 15.000 empregos entre directos e indirectos, ten unha porcentaxe de emprego feminino do 72 % e xustifica un enfoque inclusivo cara ás persoas con discapacidade integrando a 34 no seu cadro de persoal”, comentou.
No que atinxe ao investimento previsto, que segundo a lei debe superar os 500.000 euros, JEALSA Foods renovará a cuberta da nave principal para eficiencia enerxética e construirá unha nova nave, o que suporá unha achega total de 3,2 millóns de euros. Así mesmo, ten prevista a reconstrución dunha nave industrial incendiada anos atrás cun investimento previsto de 4,8 millóns de euros, polo que propón un investimento total na comarca do Barbanza para os vindeiros anos de 8 millóns de euros.
Finalmente, o presidente de Portos de Galicia destacou no Parlamento que coa ampliación do prazo da concesión a esta industria estratéxica, Portos de Galicia aporta “unha maior seguridade xurídica e crea as condicións para incentivar o investimento no porto de Bodión”. “Así permite manter a actividade de Jealsa no Barbanza, evitando a deslocalización, mantendo postos de traballo e facilitando a creación de novos empregos”, concluíu.



