A Xunta reforza a coordinación cos concellos da Coruña fronte ao incremento de incendios forestais

19 Agosto 2025

As delegadas territoriais da Xunta na Coruña e en Ferrol, Belén do Campo e Martina Aneiros, mantiveron este luns unha reunión cos 93 representantes municipais dos cinco distritos forestais da provincia co obxectivo de reforzar a coordinación ante a elevada actividade incendiaria que está a rexistrar Galicia durante o mes de agosto. No encontro participaron tamén o xefe do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, Guillermo Acebal Lúcia, e o xefe de servizo de Emerxencias, Víctor Vázquez Pérez.

As representantes autonómicas advertiron de que a comunidade vive unha situación “excepcional” que obriga a dar prioridade absoluta á defensa das persoas e das vivendas nas zonas máis afectadas polo lume. Tamén destacaron a importancia de manter abertas todas as vías de colaboración entre administracións para responder con axilidade a posibles ameazas nas vindeiras semanas.

Desde o 1 de agosto rexistráronse 492 incendios en Galicia, uns 370 máis que no mesmo período do pasado ano. Só na xornada do domingo declaráranse preto de 30 novos lumes en distintos puntos da comunidade. Para facer fronte a esta situación, a Xunta despregou o maior operativo da súa historia, con máis de 3.000 profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, aos que se suman bombeiros, efectivos de Protección Civil, brigadas municipais, motobombas, maquinaria pesada e medios aéreos, ademais da colaboración da Policía Autonómica, a UME e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Na reunión, as delegadas agradeceron a implicación dos concellos e instáronos a extremar a vixilancia en áreas sensibles, como zonas de interface urbano-forestal, espazos protexidos ou lugares con gran carga vexetal. Tamén lles pediron que revisen as faixas secundarias, manteñan operativos os puntos de auga e teñan dispoñibles os medios humanos e materiais para actuar de inmediato en caso de emerxencia.

Ademais, lembraron a necesidade de avisar de calquera incendio ao 085 e de seguir colaborando co operativo da Xunta. Finalmente, fixeron fincapé en que boa parte dos lumes son intencionados e advertiron que quen provoque incendios “atopará sempre a tolerancia cero por parte da Xunta, coa esixencia de que todo o peso da lei caia sobre eles”.

Outros artigos

Boiro sumou forzas contra o cancro cunha cadea humana no centro da vila

A Asociación Española conta o Cancro de Boiro conmemorou na tarde deste sábado 17 de outubro o Dia Mundial da Loita contra o Cancro de Mama, que se celebra o 19 de outubro, cunha gran cadea humana e a realización dun lazo na rúa peonil de Boiro. Durante estes días o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.