Interrupcións do servizo de auga en Noia motivadas por unha avaría puntual na rede

06 Agosto 2025

Durante a noite do luns ao martes rexistrouse en Noia unha avaría puntual na rede de abastecemento, que provocou interrupcións no servizo en determinadas zonas do municipio. Respecto dos traballos desenvolvidos para emendar a avaría, o Concello informou que “dende o primeiro momento os servizos municipais puxéronse a traballar para solucionar a incidencia e restablecer o subministro o antes posíbel”. Por outra banda, no que se refire ás informacións xurdidas na redes que relacionaban as interrupcións do servizo coas restricións provocadas pola seca, o Concello quixo aclarar que estas últimas non teñen relación cos cortes de auga relacionados coa avaría, xa que as restricións “responden á situación real de escaseza de chuvias e á necesidade de que todos fagamos un uso consciente deste recurso esencial, tal e como fan moitos concellos”.

O Concello tamén quixo saír ao paso das acusacións sobre a falta de mantemento nas estacións de bombeo: “Queremos deixar claro que son rotundamente falsas, e que en abril revisouse o bombeo da Albariza, en xuño volveuse revisar e limpar a canle para facilitar a entrada de auga e, ademais, ese mesmo mes limpouse tamén a canle da captación de Sampaio”

Estas tarefas, engadiron fontes municipais, “foron realizadas polos traballadores municipais, aos que queremos agradecer o seu compromiso e profesionalidade”.

E conclúe o Concello: “Difundir informacións infundadas é poñer en dúbida o traballo de quen leva meses esforzándose para garantir o bo funcionamento do sistema de abastecemento. Iso é faltar ao respecto aos técnicos profesionais que están ao servizo da veciñanza”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.