A Policía Local de Ribeira, en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT), poñerá en marcha nos próximos días unha campaña especial de vixilancia da velocidade en distintos puntos do municipio. O obxectivo principal desta actuación é reducir o risco de accidentes, fomentar o respecto polos límites de velocidade e reforzar a seguridade viaria, especialmente nas zonas máis sensibles.
Os controis realizaranse de forma aleatoria mediante radares móbiles, priorizando aquelas áreas onde se teñen detectado comportamentos reincidentes de exceso de velocidade ou onde a veciñanza ten trasladado a súa preocupación polo tránsito excesivamente rápido.
“Actuaremos especialmente onde se detectan condutas perigosas para frear comportamentos irresponsables e reforzar a protección dos peóns”, sinalan desde a Policía Local, lembrando que “o obxectivo é salvar vidas”.
Desde o Concello faise un chamamento á colaboración cidadá e á responsabilidade no cumprimento das normas de circulación. Subliñan que a seguridade viaria é unha tarefa colectiva, e que esta campaña busca aumentar a concienciación social para conseguir unha cidade máis segura e libre de sinistros.
O alcalde de Ribeira anunciou que se continuará avaliando o estado do tráfico no municipio para implantar novas medidas de calmado, como os pasos de peóns elevados, o reforzo da sinalización e da pintura viaria, actuacións que xa se veñen aplicando en distintas zonas da localidade.




