O Concello de Noia informou dos novos traballos levados a cabo neste punto de inflexión entre xullo e agosto pola brigada municipal de obras para mellorar a seguridade de peóns e condutores na rede viaria local e poñer a punto infraestruturas e servizos.
Nesta última semana, e baixo a coordinación da concelleira Laura Salgado, leváronse a cabo diferentes actuacións en varios puntos do concello, por exemplo o pintado de pasos de peóns nos núcleos e contornas de Carreiriña, Campo de Noia, Bergondo e Malecón de Cadarso.

A brigada municipal tamén levou a cabo melloras no parque infantil do Paseo Marítimo, co obxectivo de “seguir creando espazos seguros e agradábeis para os máis pequenos”, segundo informou o Concello. Igualmente, traballouse na colocación de nova sinalización vertical na zona de Augalevada.

A maiores, desenvolvéronse Intervencións na contorna da Santísima Trinidade e do Espírito Santo para mellorar accesos e seguridade.




