A segunda xornada do 12ª Noia Harp Fest tenderá pontes entre a música bretoa e galega, mais tamén entre o presente e o futuro da tradición musical galega. A celebración do IV Encontro de Alumnado de Arpa das Escolas Galicia, a estrea en directo de D’Súpeto e a actuación do flamante gañador da World Harp Competition, Kevin Le Pennec, locen no cartel deste xoves 31 de xullo.

A xornada arrincará a primeira hora co IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia, que terá lugar na sede do Liceo de Noia e no que participarán 21 estudantes, de entre 7 e 21 anos, procedentes de distintas localidades do país. Nesta ocasión haberá integrantes da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional ETRAD de Vigo, da Escola Municipal de Música de Santiago, do Conservatorio de Torroso (Mos), do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo) e da Barreiro Arpa Escola (Vigo).
O Encontro procura “estimular a relación entre as e os instrumentistas máis novos dos centros do país”, informaron os organizadores do festival, engadindo que “nesta cuarta edición, ademais de convivir e compartir coñecementos, terán a oportunidade de interpretar xuntas (13.00 horas) unha composición creada ex profeso para a ocasión polo bretón Kevin Le Pennec e Rodrigo Romaní, codirector do festival”. Ambos arpistas recollen nesta nova canción, duns 6 minutos de duración, temas das súas respectivas tradicións musicais (Tour á Limerzel e Porque non hei de cantare).
A relación entre a música galega e bretoa no NHF seguirá fiando a súa propia historia no Teatro Coliseo Noela a partir do solpor. Ás 21.00 horas, o recinto cultural acollerá dous feitos salientables desta edición: por unha banda, a estrea en directo de D’Súpeto, a formación integrada por coñecidos membros do ámbito da música de raíz, como son José Martínez (arpa), Tonecho Castelos (violín), Diego Barral (guitarra) e Martín Marticorena (frauta); e, pola outra, a actuación do flamante gañador da World Harp Competition (2024) e do trofeo Camac do Festival de Lorient (2019): o arpista e cantautor Kevin Le Pennec.
D’Súpeto, que debutará no marco do Noia Harp Fest, é unha formación de recente creación que reinterpreta a música tradicional desde unha perspectiva contemporánea e creativa. O grupo, liderado polo monfortino José Martínez (cofundador de Citania), alterna versións de temas populares con composicións propias, cun son fresco e auténtico. Completan a formación o sadense Tonecho Castelos (Susana Seivane, Milladoiro, Roi Casal) e os coruñeses Diego Barral e Martín Marticorena, integrantes de Citania.
Pola súa banda, Kevin Le Pennec é un dos máximos referentes da nova escena bretoa. Arpista e cantautor, ofrece unha interpretación da arpa moderna e dinámica, na que funde tradición e innovación, ao mesturar músicas folk con estilos coma o jazz, o blues ou o pop. Aínda que tamén forma parte do dúo Bisiad e do trío La Mézanj, Le Pennec conta cunha importante traxectoria en solitario (premiada en Lorient e Utrecht) e chega ao Noia Harp Fest para dar a coñecer por primeira vez en España o seu álbum À distance (2023).
AXENDA NOIA HARP FEST | XOVES 31 DE XULLO DE 2025
13.00h | Liceo de Noia
IV Encontro do Alumnado de Arpa das Escolas de Galicia. Concerto.
21.00h | Teatro Coliseo Noelia
D’Súpeto
Kevin Le Pennec



