A 12º edición do Noia Harp Fest comeza este mércores 30 cunha gran foliada de benvida e un concerto exclusivo de Alba Barreiro

29 Xullo 2025

A 12ª edición do único festival do noroeste peninsular dedicado integramente á arpa, o Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, comezará este mércores, 30 de xullo. A primeira xornada contará coa actuación da recoñecida intérprete galega Alba Barreiro, quen ofrecerá a partir das 19.00 horas un concerto exclusivo no Noia Harp Fest e, desde as 21.00 horas, terá lugar na praza do Curro unha gran foliada de benvida aberta á veciñanza, na que se renderá homenaxe a Emilio Cao.

Alba Barreiro na presentación do programa. Imaxes de Jerry Elefarte

Noia Harp Fest, que decorrerá do 30 de xullo ao 2 de agosto, e que contará cunha programación especial o 7 coa gala da entrega do Premio Portus Apostoli, reúne cada tempada diferentes bandas e solistas sobranceiras, tanto galegas coma internacionais, de distintos estilos e orixes.

O 12º Noia Harp Fest presenta un cartel con cinco xornadas de concertos con arpistas de primeiro nivel chegadas de Galicia, Andalucía, Bretaña, Colombia, Escocia, Italia, País Vasco ou Valencia. O evento contará coa presenza de Ana Crismán -a intérprete de arpa flamenca máis importante a nivel internacional-, Alba Barreiro e Fernando Raña, Bleuenn Le Friec -acompañada por Faia e Uxía-, D’Súpeto, Juliette Commeaux, Kevin Le Pennec -gañador do World Harp Competition 2024-, Laia Blasco, Noela Cotuna, Quico Comesaña,  Rebecca Hill & Charlie Stewart e Yofre Brito Rivera; alén das máis de 20 estudantes galegas que participarán, durante a mañá do xoves 31 de xullo, no IV Encontro do Alumnado das Escolas de Arpa de Galicia. 

Ademais, neste 2025 o Noia Harp Fest suma unha quinta xornada de actuacións. O 7 de agosto celebrarase a Gala de Entrega do III Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, na que se producirá a estrea mundial de Cuatro historias gallegas, a creación de Federico Beilison. A Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección de Sebastian Zinca, e con Claudia Besné e Francesca Romana Di Nicola como solistas, será quen interprete esta creación do compositor e guitarrista arxentino, ademais da peza Folías Celtas, mención de honra do Portus Apostoli, composta polo uruguaio Gabriel Bussi (profesor violinista da Orquesta Sinfónica de Galicia). O programa -cuxas entradas están á venda en www.ataquilla.com– completarase con pezas de Claude Debussy e Maurice Ravel.

Foliada de presentación da nova edición do festival

Deste xeito, e a partir de mañá, a localidade coruñesa de Noia acollerá trece actuacións (doce concertos e unha gran foliada de benvida) nun total de sete escenarios, como son a mítica Praza do Tapal, o Liceo de Noia, a Praza do Curro, a Igrexa Museo Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela e tanto a Igrexa coma o Claustro de San Francisco. Ofreceranse estreas mundiais, estreas en España e ata haberá espazo para presentar, en exclusiva, novas formacións, como é o caso da galega D’Súpeto. 

A 12ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña. 

Primeira xornada: concerto exclusivo de Alba Barreiro e foliada de benvida

O Noia Harp Fest comezará este 30 de xullo ás 19.00 horas na Igrexa Museo Santa María A Nova. A recoñecida intérprete Alba Barreiro presentará Frauta e arpa en Galicia, un concerto exclusivo en colaboración co frautista Fernando Raña. Este programa propón unha viaxe sonora a través do repertorio galego e universal para frauta traveseira e arpa, con especial atención á música de compositores galegos, tanto históricos como contemporáneos.

Alba Barreiro é unha arpista galega cunha sólida formación e ampla experiencia tanto na interpretación de repertorio clásico e contemporáneo como na recuperación de música antiga. Formada en Galicia, ampliou os seus estudos en diversos centros europeos, perfeccionando a súa técnica e sensibilidade artística con recoñecidos mestres da arpa clásica e histórica. Participa regularmente en proxectos camerísticos e orquestrais, colaborando con agrupacións galegas e internacionais, mais destaca tamén pola súa labor pedagóxica e pola difusión da arpa na música galega.

Contra o solpor, ás 21.00 horas, dará comezo a Foliada de benvida do Noia Harp Fest, un encontro festivo aberto, popular e colectivo onde o público é convidado non só a escoitar, senón tamén a participar, bailando ao ritmo da música tradicional reinterpretada a través da delicadeza e potencia das arpas da banda con integrantes da Asociación Noia Harp Fest. 

Para abrir esta celebración, o mestre arpista Rodrigo Romaní, presidente da Asociación Noia Harp Fest, fará unha pausa do seu retiro como intérprete para ofrecer unha emotiva homenaxe musical a Emilio Cao, pioneiro na recuperación e posta en valor da arpa en Galicia. Romaní interpretará unha suite que recolle algúns dos temas máis significativos do autor, conectando pasado e presente nun acto simbólico que honra ás raíces mentres abre as portas ao futuro da música galega.

PROGRAMACIÓN NOIA HARP FEST 2025

Mércores 30 de xullo

19.00h | Santa María A Nova
Alba Barreiro & Fernando Raña
21.00h | Praza do Curro
Foliada de Benvida coa Banda do festival

Xoves 31 de xullo
13.00h | Liceo de Noia
IV Encontro do Alumnado de Arpa das Escolas de Galicia
21.00h | Teatro Coliseo Noelia
D’Súpeto
Kevin Le Pennec



Venres 1 de agosto
19.00h | Santa María A Nova
Noelia Cotuna (concerto en colaboración con AEDA)
21.00h | Teatro Coliseo Noela
Yofre Brito Rivera
Rebecca Hill & Charlie Stewart



Sábado 2 de agosto
12.30h | Igrexa de San Francisco
El concierto secreto. Con Juliette Commeaux & Laia Blasco (en colaboración con AEDA)
20.00h | Claustro de San Francisco
Bleuenn Le Friec. Con Uxía e Faia
22.00h | Praza do Tapal
Quico Comesaña
Ana Crismán


Xoves 7 de agosto
20.30h | Teatro Coliseo Noela
Gala de entrega do III Premio Portus Apostoli. Coa Real Filharmonía de Galicia.
Sebastian Zinca, director.
Claudia Besné, solista.
Francesca Romana Di Nicola, solista. 

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.