Dende este mes de xullo o concello de Noia conta cun novo mural co que embelecer e enriquecer o seu patrimonio. A nova intervención artística sitúase na nave de Abruñeiras (Barro) e constitúe un xeito de amplificar e reforzar a conexión co mar do dito inmóbel e do lugar no que se atopa. En palabras do Concello, “trátase dun mural participativo vén de encher de cor e cultura mariñeira un espazo que agora rende homenaxe ás nosas raíces”.
Baixo a dirección artística de Doctor Toy, catro mozos participaron nun obradoiro previo e foron os encargados de pintar este mural de preto de 45 m². Nel podemos atopar embarcacións tradicionais, a rosa dos ventos e outros elementos que “nos levan directamente ao corazón da nosa identidade mariñeira”, destacou o Concello.
O alcalde, Santiago Freire, e a concelleira de Xuventude, Laura Salgado, achegáronse para felicitar aos rapaces polo seu gran traballo e agradeceron tamén a colaboración de Manuela Oviedo, xerente do GALP, e a Pablo Castiñeira, responsábel de Vella Escolar, entidade coordinadora deste proxecto.
A intervención encádrase nas obras de posta en labor do antigo estaleiro de Hermida, en Abruñeiras, para convertelo nun centro de actividades náuticas (servirá de sede ao Club de Remo de Noia). As obras inclúen a remodelación do interior do inmóbel pero tamén do exterior. O proxecto vén con 400.0000 euros de investimento.




