O martes, Santa María Magdalena, seguiremos nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións. Con isto, teremos néboas matinais en comarcas do interior e máis nubes na metade norte, sen descartar algunha precipitación feble, illada e ocasional, con ceos máis abertos no leste. Na comarca risco de chuvascos nas primeiras horas do día e nubes e claros a medida que avance a xornada.
As temperaturas mínimas sen demasiados cambios e as máximas en lixeiro a moderado ascenso (22-24 graos). Os ventos soprarán do suroeste pola mañá, cambiando a norte pola tarde, frouxos en xeral, moderados no litoral norte e noroeste.

O noso mar: Vento variable á mañá, do noroeste á tarde e do norte á noite, forza 1 a 2 á mañá, 2 a 3 á tarde e 3 a 4 á noite. Mar rizado á mañá, mar ovellado á tarde e marusía á noite. Visibilidade mala á mañá e boa á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1 a 1.5 metros á mañá e á tarde e 0.5 a 1 metros á noite.



