A Comisión de Pesca da Cámara Alta aprobou a moción do BNG que demanda ao Goberno do Estado a modificación da Circular 4/2023 da Secretaría Xeral de Pesca para “que os mariñeiros que traballan en palangreiros-conxeladores e arrastreiros-conxeladores que faenan en augas internacionais poidan acceder ao coeficiente redutor máximo da idade de xubilación, do 0,40”.
En palabras do BNG, a iniciativa responde “á inxusta exclusión destes traballadores do mar do dereito á xubilación anticipada en igualdade de condicións co resto da frota conxeladora”.

Esta situación, segundo explicou Carme da Silva, “supón unha clara discriminación a máis de 1.500 mariñeiros galegos de 149 barcos que traballan en condicións extremadamente duras e perigosas, e que merecen o mesmo recoñecemento e protección social”.
A senadora nacionalista destacou que “non hai razón técnica nin xurídica que xustifique que estes buques non sexan considerados conxeladores, cando cumpren todos os requisitos: faenan en augas afastadas, conxelan a bordo e realizan longas mareas en condicións climáticas extremas”. “Estamos a falar de condicións laborais que deixan unha pegada evidente na saúde dos mariñeiros e que xustifican plenamente o acceso ao coeficiente do 0,40” subliñou.
Durante a súa intervención, Da Silva denunciou que a interpretación restritiva do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación recollida na Circular 4/2023 “atrasa inxustamente a idade de xubilación destes profesionais do mar, sen ter en conta a penosidade e perigosidade das súas tarefas, ignorando os informes e demandas do propio sector”.
A moción do BNG aprobada insta o Goberno a revisar e modificar dita circular, recoñecendo os dereitos das tripulacións afectadas. “Con esta moción buscamos corrixir unha inxustiza que ten un impacto directo na vida de centos de familias mariñeiras galegas”, afirmou Da Silva. “A frota conxeladora é estratéxica para Galiza, representa o 70% da do Estado, e non pode ser tratada como frota de segunda categoría”.



