A ABE impulsa o emprego e o emprendemento local coa súa participación na Feira de Emprego de Boiro 2025

12 Maio 2025

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) reforza o seu compromiso co desenvolvemento económico e social da comarca participando de forma destacada na Feira de Emprego de Boiro 2025, que se celebra esta semana, os días 14 e 15 de maio, no Viveiro de Empresas de Boiro. Con 208 empresas asociadas, a ABE acode ao avento representando “unha parte esencial do tecido económico local”, contribuíndo de maneira significativa á creación e mantemento do emprego privado no municipio.

Entre as accións promovidas pola ABE, destaca a organización da mesa redonda Creando o Mañá: Como Converterte no Propietario da Túa Empresa, que será o xoves 15 de maio ás 12:30 horas no Viveiro de Empresas de Boiro. “Esta actividade”, informou a patronal, “será unha oportunidade para coñecer, en primeira persoa, as historias reais de emprendemento que agroman en Boiro, tanto dende o ámbito da tradición empresarial como dende a innovación e a creatividade individual”.

Participarán catro empresas asociadas á ABE, que exemplifican diferentes modelos de negocio e traxectorias:

Carla Madrid Cakes and Macarons: emprendemento persoal e creativo centrado na repostería de autor.

Logística Sueiro Trans S.L.: exemplo de empresa familiar en terceira xeración, especializada en transporte loxístico.

Asteleiros Triñanes Domínguez S.L.: firma de longa traxectoria no sector naval, combinando tradición artesanal e innovación técnica.

Daniel García, propietario de Baldani Concept Store e presidente da ABE, que achegará unha visión global do panorama empresarial de Boiro.

A mesa estará moderada por Tomás Estévez, xerente da ABE, quen guiará unha conversa dinámica e próxima co obxectivo é ofrecer claves reais e inspiradoras sobre como emprender, afrontar retos e consolidar negocios no ámbito local.

A sesión está dirixida a persoas emprendedoras, estudantes de ciclos formativos, universitarios, profesionais e tamén a empresarios e empresarias, que poden atopar nesta cita inspiración e ideas útiles para os seus proxectos.

A ABE convida “especialmente” aos socios e socias da asociación a participar e compartir este espazo de encontro empresarial e networking local.

Ademais da mesa redonda, a ABE colabora activamente coa Feira de Emprego mediante accións concretas de apoio:

-Entrega de 200 bolsas de algodón orgánico como agasallo para os asistentes.

-Patrocinio dun premio de 100 € en Bonos ABE, que se sorteará na clausura da feira para incentivar o consumo no comercio local.

Como valor engadido, todas as empresas asociadas á ABE teñen a posibilidade de enviar as súas ofertas de emprego ao enderezo emprego@boiro.gal. Estas ofertas serán publicadas en pantallas informativas durante a feira, “facilitando a conexión directa entre empresas e persoas en busca de novas oportunidades laborais”.

En palabras da ABE, a Feira de Emprego de Boiro 2025 representa “unha oportunidade para conectar talento e oportunidades”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.