
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) e García Sánchez Boiro, formalizaron un convenio de colaboración destinado a facilitar ás empresas e persoas autónomas asociadas o acceso a servizos especializados de xestión de riscos, protección empresarial e previsión. O acordo ten como obxectivo ofrecer ás empresas asociadas “un marco de asesoramento que lles permita identificar os principais riscos aos que están expostas e analizar as solucións máis adecuadas para protexer tanto a actividade como as persoas que están á fronte dela”, informaron as dúas entidades,
A través deste convenio, os asociados da ABE poderán acceder, de maneira preferente e sen compromiso de contratación, a unha revisión inicial das súas pólizas e necesidades de protección, asesoramento especializado en xestión de riscos e continuidade do negocio, así como a posíbeis condicións económicas preferentes en determinadas solucións aseguradoras.
Os responsábeis das dúas entidades explicaron a maiores que o acordo “contempla tamén o estudo de situacións que poden afectar directamente á continuidade dunha empresa, como o falecemento, incapacidade, accidente ou enfermidade grave do titular, socios ou persoas clave, así como a protección de instalacións, mercadorías, maquinaria e demais elementos necesarios para o desenvolvemento da actividade”.

“Para unha pequena empresa ou para unha persoa autónoma, unha situación imprevista pode ter consecuencias moi importantes. Por iso cremos que é fundamental traballar na prevención e contar cunha visión global dos riscos que poden afectar á actividade”, explica Daniel García, presidente da ABE, engadindo que “este convenio permítenos achegar aos nosos asociados un servizo especializado e, sobre todo, facilitarlles información para que poidan tomar decisións con maior coñecemento sobre a protección das súas empresas”.
Pola súa parte, María Dolores García Sánchez, xerente de García Sánchez Boiro, destaca que “moitas veces as empresas contratan seguros para cubrir determinadas obrigas ou riscos concretos, pero non sempre se fai unha revisión global de se esa protección responde realmente ás necesidades actuais do negocio”.
“Co convenio coa ABE queremos achegarnos ás empresas asociadas desde unha perspectiva de asesoramento e prevención, analizando cada situación de maneira individual e buscando solucións que contribúan a protexer a actividade, as persoas e a continuidade da empresa”, sinala García Sánchez.
O convenio inclúe tamén a realización de accións informativas para os asociados sobre cuestións relacionadas coa previsión empresarial, a protección do autónomo, a continuidade do negocio e os beneficios sociais como ferramenta para a atracción e fidelización do talento.
Como primeira acción vinculada a este acordo, a ABE celebrará o mércores 28 de outubro un novo Almorzo ABE, que estará centrado na retención do talento e no papel que poden desempeñar os seguros e os beneficios sociais nesta tarefa.
O encontro abordará como as empresas poden utilizar determinadas ferramentas de protección e previsión para ofrecer beneficios aos seus equipos, mellorar as condicións ofrecidas aos traballadores e contribuír á súa fidelización. Tamén se analizará o papel que poden ter os seguros colectivos de saúde, vida ou accidentes, entre outras solucións, dentro das políticas de beneficios sociais das pequenas empresas.
O Almorzo ABE permitirá coñecer estas posibilidades de maneira práctica e resolver dúbidas sobre como poden aplicarse nas pequenas empresas e negocios.
Con esta colaboración, a ABE continúa ampliando os servizos e ferramentas que pon á disposición das súas empresas asociadas, incorporando neste caso o asesoramento especializado nun ámbito que abrangue tanto a protección da actividade como das persoas que forman parte dela.



