O Programa de Emprego Xuventude I dos Concellos de Boiro, Rianxo e A Pobra organiza unha xornada de portas abertas para dar a coñecer entre o alumnado do IES Espiñeira e IES Felix Muriel o traballo que realizan.
Realizaranse dúas sesións, os días 8 e 9 de abril, nas que o alumnado traballador dará explicacións sobre o contido do programa e mostrarán algunhas das catividades prácticas que desenvolven relacionadas coa memorias DDR RAM, o software, as placas base, os procesadores e microprocesadores, o almacenamento ou as fontes de alimentación. O obxectivo é que o alumnado visitante “poida interactuar tamén coas pezas de traballo”, informou o Concello de Boiro, lembrando que o Programa de Emprego Xuventude I é un programa mixto de emprego e formación destinado a persoas de entre 18 e 30 anos e que ten como finalidade facilitar a inserción laboral de persoas mozas desempregadas por medio da súa cualificación profesional combinando a formación teórica coa realización de tarefas prácticas.
O programa está co-financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a UE mediante o mecanismo FSE+ e céntrase en operacións auxiliares e mantemento de sistemas informáticos. A través das actividades que inclúe, o alumnado ten a oportunidade de formarse en ámbitos de gran demanda por parte das empresas, como por exemplo a montaxe de equipos informáticos e as operacións auxiliares de mantemento de sistemas informáticos, ademais de realizar operacións auxiliares con Tecnoloxías de Información e Comunicación (TIC). A maiores, obterán un certificado de profesionalidade e, unha vez completen a formación, brindaráselles a posibilidade de traballar nunha empresa do ámbito das materias impartidas.




