“Iribarne”, da rianxeira Esther F. Carrodeguas , finalista en doce categorías dos XXIX Premios de Teatro María Casares

26 Febreiro 2025

Finalmente o colectivo actoral galego (AAAG) comunicou esta semana que 17 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos 16 galardóns que se entregarán durante a gala dos XXIX Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o xoves 3 de abril no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer durante a Festa de Finalistas que tivo lugar na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia, en Santiago. O acto, que foi conducido pola actriz Sheyla Fariña, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da axencia AGADIC; Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, e Miguel Diéguez, director territorial da Zona Noroeste da SGAE, que participaron no evento en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG).

O espectáculo O dragón de ouro, de Sarabela Teatro, acadou catorce finalistas (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, actor protagonista, adaptación-tradución, iluminación, espazo sonoro, espazo escénico, vestiario e maquillaxe). Pola súa banda, Iribarne, de ButacaZero, escrita pola dramaturga e actriz rianxeira Esther F. Carrodeguas, conta con doce finalistas (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista por partida dupla, actor protagonista por partida dupla, texto orixinal, iluminación, espazo escénico, espazo sonoro e vestiario). Estas dúas montaxes disputaranse o premio ao mellor espectáculo xunto a Go Home!, montaxe de Etiqueta Negra que é finalista unicamente nesta categoría.

Dúas obras aspiran a catro Premios María Casares: Os actos e as profecías, do Centro Dramático Galego, e As gardiás ou o nó do tecelán, de Teatro de Ningures. A primeira delas opta aos galardóns de dirección, espazo escénico, vestiario e maquillaxe. Pola súa banda, a obra coa que regresou aos escenarios Teatro de Ningures é finalista nas categorías de dirección, adaptación-tradución e actriz secundaria por partida dupla.

As cinco seguintes montaxes aspiran a dous premios cada unha: Monstros, de Producións Teatráis Excéntricas (texto orixinal e espectáculo infantil); Eu, Fraude!, de Paula Pier (iluminación e espazo sonoro); O mundo está roto pero pódese camiñar, de Contraproducións (adaptación-tradución e espectáculo infantil), e Pum! Pum! Quen hai?, de Ártika Cía (espectáculo infantil e maquillaxe) e Non pasarán, tamén de Ártika, vestiario e texto orixinal.

Nada se sabe, coprodución de Culturactiva co Centro Dramático Galego, aspira a un galardón (vestiario), como tamén Apaga o Candil, de Contraproducións (actor secundario); Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo (dirección de movemento) e Rogelio III (La fête), de Assircópatas, que se disputará o premio ao mellor espectáculo infantil cos xa citados Monstros, O mundo está roto pero pódese camiñar e Pum! Pum! Quen hai?

Por último, tres obras son finalistas no apartado de espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas: Os contos do Lobicán, de Redrum Teatro; Moby Dick, de Pedras de Cartón, e Gaia Baba, a meiga, de Nauta Teatro.

Estes 17 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 3 de abril. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan habitualmente co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou Gadis.

Iribarne

Unha das grandes favoritas é Iribarne, da autora rianxeira Esther F. Carrodeguas e producida pola compañía ButacaZero que dirixe Xavier Castiñeira.

Iribarne é un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí a este punto da nosa historia camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero absolutamente imprescindíbeis da Fermosísima Historia desta España Miña (esta España Nuestra). En palabras da autora, é “o traballo máis difícil que escribín ata a época, e máis tendo en conta “o extenso da biografía de Fraga.

Carrodeguas engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar desde o que posicionarse”.

“Este personaxe é inabarcábel”, destaca pola súa banda Xavier Castiñeira nunha entrevista recente, engadindo que se ben entende o que fixo Manuel Fraga, “non entende desde onde o fixo e por que fíxoo”. Ambos salientan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que creceu rodeada de “un silencio tácito ao redor da historia política recente”, e embarcarse neste proxecto axudoulles a entender de onde vimos.

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.