A Sala Arcos Moldes do Auditorio de Rianxo vai acoller o vindeiro 28 de marzo ás 21.00 horas a presentación de Esas cousas marabillosas, de Empatía Teatro-Elisardo de la Cruz. Trátase dunha función sobre a depresión e o suicido, cuestións abordadas dende unha óptica “tenra, emocionante e divertida”. Trátase, segundo Empatía Teatro, “dunha obra que pode cambiarnos a vida…e para ben”.
Esta peza do galardoado dramaturgo e director Duncan MacMillan, converteuse nun fenómeno teatral a nivel mundial. A entrada será de balde até completar a capacidade, con retirada de convites na billeteira do Auditorio dende unha hora antes do comezo da función (máximo 2 por persoa). Público recomendado: maiores de 14 anos.

Sinopse
Esas cousas marabillosas comeza cando o público vai entrando na sala e é recibido polo actor, que dá a benvida ás persoas asistentes e as axuda a se acomodar, entregándolles un papeliño que vai xogar un importante rol no espectáculo.
Cóntase unha historia de case tres décadas que comeza cando… mamá está no hospital:
“Fixo unha parvada”, di papá, porque “resúltalle difícil ser feliz”.
Esta primeira tentativa de suicidio de mamá fai que o fillo (o protagonista), de sete anos daquela, comece a facer unha lista de todo o que é marabilloso no mundo. Todo polo que vale a pena vivir.
- Os xeados. 2. As guerras de auga. 3. O primeiro baño do verán. 4. A cor azul. 5. As roupa a cadros. 6. Unha montaña rusa.
Deixa a lista na almofada de mamá co titulo Todas esas cousas marabillosas… Mamá leuna, sábese porque corrixiu a ortografía.
Con moitos personaxes e moitas situacións, que se desenvolven ca axuda e a complicidade necesarias do público, constrúese esta peza tenra e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente a que amamos.



