
O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) vén de lanzar un Programa de Emprendemento co que pretende seleccionar e impulsar en Galicia e Asturias oito ideas de negocio relacionadas coa conservación dos ecosistemas forestais e a súa explotación sostíbel, que ademais fomenten o “emprego verde”, o emprendemento rural e a produción innovadora e de calidade.
Entre as actividades susceptíbeis de ser admitidas figuran tanto iniciativas de produción como de transformación, así como servizos de apoio ou tecnoloxías que dean soporte á xestión multifuncional do monte. Por exemplo, poderán presentarse ideas de negocio relacionadas coa gandería, a comercialización de castañas, a apicultura, a micoloxía, as plantas aromáticas e medicinais, a xestión de biomasa, a consultoría forestal, etc.
O programa, que será coordinado pola Fundación Juana de Vega, está especificamente orientado a persoas emprendedoras e empresas situadas ou que presten servizos nos 17 municipios galegos e asturianos nos que se desenvolve o proxecto CAPRIF-CC: en Asturias,
Valdés, Tineo e Cangas del Narcea; e en Galicia, Laza, Montederramo e Castro Caldelas (no Living Lab Macizo Central); Folgoso do Courel, Quiroga e Cervantes (no Living Lab Os Ancares-O Courel); Rianxo, Lousame, Rois, Padrón, Dodro, Porto do Son e Ribeira (no Living Lab Barbanza-Sar-Baixo Ulla); e Negueira de Muñiz.
O prazo de inscrición para participar neste Programa de Emprendemento do proxecto CAPRIF-CC ficará aberto ata o día 28 de febreiro e as persoas ou empresas interesadas poden inscribirse a través do formulario existente na web www.caprifcc.com ou enviando un correo electrónico a caprif@juanadevega.org.
Comité de selección
Para elixir os oito proxectos que poderán beneficiarse das titorías, o asesoramento e a mentoría con expertos, o comité de selección priorizará as iniciativas que estean lideradas por mulleres, que procedan de persoas que participasen nas sesións de co-creación dos cinco Living Labs do proxecto CAPRIF-CC e que respondan as demandas recollidas neses ámbitos.
O programa levarase a cabo entre os vindeiros meses de marzo e outubro e pretende axudar aos emprendedores para concretar o enfoque dos seus proxectos desde un punto de vista técnico, a definir o seu modelo de negocio e a elaborar un plan empresarial que converta as súas ideas orixinais en actividades economicamente viábeis.
O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos NexGenerationEU.
CAPRIF-CC está financiado pola Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.



