A mostra Os Maragatos da Porta de San Pedro xa se pode contemplar estes días na Biblioteca Pública Ánxel Casal de de Santiago. A exposición foi inaugurada este luns 3 de xaneiro e ficará visíbel até o día 15 deste mesmo mes. A mostra está organizada polo Colectivo Exeria e a Fundación Pérez-Carro, e estivo aberta na Biblioteca Provincial de Lugo desde comezos do pasado mes de decembro. O co-impulsor da exposición é o colaborador deste medio Xulio Xiz.

Está composta por doce paneis (en galego e castelán), e unha vitrina con obxectos e documentos, e recolle un resumo da historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu importante papel comercial e social na cidade no decurso destes 145 anos. Os contidos da exposición están recollidos no catálogo que se entrega gratuitamente aos visitantes.

Na inauguración interviñeron Jesús Torres, director da Biblioteca; Xulio Xiz, coautor da exposición, e o secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, e nela participaron os deputados por Lugo no Parlamento de Galicia, José Manuel Mato e Nicole Grueira; o xornalista lucense Lois Celeiro e membros das familias Carro Otero e López Carro, de Santiago, familiares dos Pérez-Carro lucenses.
Na segunda quincena de febreiro, esta exposición estará na Biblioteca Miguel González Garces, de A Coruña, e na primeira quincena de marzo na Biblioteca Provincial de Pontevedra.




