O Museo do Gravado de Artes (Ribeira) compartiu as bases do XVI Premio Atlante de Gravado, cuxa data de límite de recepción de obras participantes rematará o vindeiro 31 de maio.
O Premio Atlante de Gravado é un dos galardóns máis reputados neste eido, que conta co apoio do Concello de Ribeira, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia e que na súa anterior edición contou coa participación de candidatos de ata 20 países. Entre as patrocinadoras do certame atópanse FRINSA e Pedras de Santiago.

Segundo se especifican nas bases, poderán participar todos os e as artistas nacionais e estranxeiros que o desexen. As obras deberán estar executadas necesariamente en calquera dos sistemas e técnicas gráficas, incluídos os procedementos dixitais e electrográficos que considere conveniente o artista. Admitiranse como máximo dúas obras por autor. Os gravados serán inéditos e non deben ter sido editados nin numerados. Os premios outorgados traen consigo a edición das obras premiadas en 25 exemplares e máis dúas probas de artista e a súa entrega á Fundación Museo de Artes.
Establécense: Premio Ramiro Carregal de gravado de 5.000 €, 3 premios dotados con 2.500 € cada un, 1 un premio especial Pedras de Santiago, de 2.500 €, para un artista nacido ou residente en Galicia e 1 premio especial Manuel Ayaso para artistas menores de 25 anos na data da convocatoria do premio, dotado con 2.000 € . Estes premios estarán suxeitos ás retencións marcadas pola lei.
A Fundación Museo de Artes, comprométese a editar unha carpeta cos 6 gravados premiados. Os gañadores responsabilízanse de estampar, numerar e asinar os 25 exemplares, máis as 2 probas de artista; deberán entregar a/as matriz/ ces xunto coas 25 estampas e as 2 probas de artista á Fundación Museo de Artes. Os 6 artistas galardoados recibirán da Fundación unha carpeta completa cos seis gravados premiados. Os traballos seleccionados exporanse nunha das Salas do Museo de Artes.
O xurado estará formado por 7 personalidades do mundo da arte, e a súa decisión será inapelábel. O veredicto emitirase no prazo máximo de dous meses desde a finalización do prazo de entrega das obras.
Xurado
• José Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia
• Alfonso Costa, pintor e gravador
• Carmen Hermo, doutora en Belas Artes e gravadora
• Juan Monterroso Montero, Universidade de Santiago de Compostela
• Jose Manuel López Vázquez, Universidade de Santiago de Compostela
• Isabel Pintado, pintora e gravadora
• Soledad Penalta, académica da Real Academia Galega de Belas Artes



