O ciclo Momentos da cultura galega da Real Academia Galega elixiu o centenario da publicación da obra teatral O Mariscal, escrita a catro mans por Antón Vilar Ponte (1881-1936) e Ramón Cabanillas (1876-1959), como eixe do seu encontro anual. A xornada, de entrada libre, terá lugar este xoves, 15 de outubro, no Museo Ramón Cabanillas (Cambados) a partir das 16:30 horas. Poderá seguirse tamén en directo en academia.gal e na canle de Youtube da RAG.
O director da Sección de Historia da RAG e coordinador do programa, Ramón Villares, inaugurará o encontro xunto ao deputado de Novas Tecnoloxía e Contratación da Deputación de Pontevedra, Ricardo Martínez, e concelleiro de Cultura, Ensino e Patrimonio do Concello de Cambados, Liso González, en representación das institucións que apoian a organización do foro.

A Sección de Historia propón con esta cita afondar na Galicia do primeiro terzo do século XX a través dun texto que contribuíu a consolidar a figura do mariscal Pardo de Cela (1425-1483) como un símbolo das liberdades galegas. O académico Pegerto Saavedra trazará no primeiro relatorio un retrato do nobre baseado nas fontes históricas. Distan estas dos ecos populares e literariosque alimentaron a súa mitificación xa desde pouco tempo despois de que fose decapitado pola súa oposición ao poder dos Reis Católicos.
O investigador viveirés Emilio Ínsua, especialista na figura de Vilar Ponte, exporá na seguinte intervención o contexto cultural da década de 1920 en que viu a luz O Mariscal. O profesor da Universidade da Coruña Antonio de Toro afondará pola súa banda na influencia do teatro irlandés no novo drama galego do primeiro terzo do século pasado; e a profesora de piano Nelly Iglesias Ríos participará cunha contribución sobre a adaptación operística da obra literararia que realizou o arquitecto coruñés Eduardo Rodríguez Losada (1886-1973), a quen lle dedicou a súa tese de doutoramento. A tarde concluirá cunha visita ao Museo de Cabanillas guiada polo académico Francisco Fernández Rei.




