A deputada do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, defendeu este xoves 23 de xaneiro a necesidade de “manter o reforzo dun terceiro facultativo de 8 a 22 horas os domingos e festivos no PAC de Noia e de dotar de cando menos unha nova ambulancia a zona”, motivo pola cal presentou iniciativas ante a Cámara con este obxectivo.

Lembrou que este PAC vén desenvolvendo a súa actividade os días laborábeis entre as 15 e as 8 horas e as 24 horas os domingos e festivos, días nos que existía un reforzo médico de 8 a 22 horas. Precisamente, dixo, deste reforzo vén prescindir a Consellaría de Sanidade. Explicou que “a poboación cuberta polo centro de Noia é a pertencente a este mesmo concello, así como aos de Lousame, Outes e parte de Porto do Son, onde xa se suprimira na pandemia o servizo de urxencias que atendía ese concello os sábados, domingos e festivos”.
“Non se trata de casos puntuais como adoita desculparse a Consellaría diante de calquera denuncia. Son as consecuencias de decisións que trouxeron a Atención Primaria a un deterioro estrutural diante do que a Xunta de Galiza non actúa”, denunciou a representante nacionalista desde o PAC noiés.
Pola súa banda, a responsábel comarcal do BNG na comarca de Muros e Noia, Soledad Agra, sinalou que “resulta evidente que, con este novo recorte de persoal no PAC de Noia, a calidade asistencial da poboación en toda a comarca vaise ver afectada”. Isto sucede, engadiu a representante nacionalista, “cando xa a eliminación de cada vez máis servizos sanitarios públicos está a ter importantes consecuencias”.
Ademais, o portavoz do BNG en Noia, Ricardo Suárez, cualificou a “insuficiente” dotación de ambulancias. “Contamos cunha soa dispoñíbel con base en Noia, cando presta o servizo nos municipios de Outes e Lousame, así como en boa parte de Porto do Son”, explicou. Ademais, engadiu, “estas ambulancias están medicalizándose nas urxencias graves co persoal do propio PAC de Noia, o que ten como consecuencia a diminución do persoal sanitario do centro cando mobiliza para as emerxencias”. Por isto, o nacionalista requiriu “solucións inmediatas para unha cuestión de importancia vital”.



