O Concello de Ribeira promove a participación veciñal para definir os investimentos de 2025 O Concello de Ribeira, no seu obxectivo de “seguir aumentando a participación veciñal á hora de adoptar decisións”, abriu co inicio de 2025 unha consulta cidadá destinada a recoller as inquietudes e propostas da cidadanía en relación cos investimentos que se incluirán nos plans municipais do ano 2025, especialmente o que ten que ver co Plan de Obras e Servizos.

Para facilitar a consulta o proceso desenvolverase a través da páxina web oficial do Concello de Ribeira (www.ribeira.gal). Este espazo estará aberto a todas as persoas maiores de idade empadroadas no municipio, que, segundo explicou o Concello, “poderán expresar as súa opinión sobre as actuacións prioritarias que consideran necesarias nas súa parroquia”.
Dende o Consistorio engaden que o prazo para participar comeza este venres 3 e rematará o domingo 9 de xaneiro á medianoite, asegurando así “un tempo adecuado para que todas as persoas interesadas poidan contribuír coas súa ideas”.
Segundo o alcalde, Luís Pérez Barral, “a participación veciñal é un piar fundamental para o desenvolvemento de proxectos máis relevantes do municipio, especialmente os que teñen que ver coas parroquias, por iso animamos a que se fagan propostas”.
O rexedor engadiu que unha vez recollidas todas as ideas, serán valoradas para integrar nos plans de acción e investimento do Concello aquelas que “sexan máis relevantes e con posibilidade de encaixe orzamentario”.
Con esta iniciativa, dixo, o “Goberno local busca fortalecer a colaboración coa cidadanía e garantir que os recursos dispoñíbeis sexan destinados a necesidades reais, priorizando aquelas accións que melloren a calidade de vida de todas as parroquias”.
Apuntou tamén que “Ribeira poderá contar cun orzamento significativo para acometer as melloras identificadas grazas á participación activa de todas as persoas que conforman a comunidade”. E concluíu: “Queremos que a veciñanza sexa a verdadeira protagonista por iso apostamos por medidas como esta e outras como a escoita activa acudindo ás parroquias”.



