Os montes Iroite e Muralla serán os protagonistas da Andaina Solidaria con Valencia e do Trail de Lousame

03 Decembro 2024

O Concello de Lousame abriu as inscricións na Andaina Solidaria / Belén de Cumes, Pequetrail e Trail de Lousame 2024, tres iniciativas deportivas previstas para os sábados 14 e 21 de decembro e o domingo 29 de decembro, respectivamente. As persoas que desexen participar xa poden anotarse na web Emesports.es.

Andaina Solidaria

A Andaina Solidaria e Belén de Cumes estrea percorrido: monte Iroite-Camboño. Será o sábado 14 de decembro, con saída ás 10:00 horas da praza do Concello de Lousame en autobús cara a estación DECCA do Monte Iroite, onde comezará unha andaina de 10 quilómetros ata a capela da Nosa Señora da Gorgosa (Camboño), onde se procederá a montar o tradicional Belén de Cumes (un típico Nacemento con figuras de gran tamaño que cada ano se adoita montar nunha igrexa do municipio e que queda aló para a súa contemplación pola veciñanza desa parroquia durante o Nadal). A chegada está prevista para as 13:00 horas e, tras degustar un chocolate con churros amenizado con panxoliñas mentres se monta o Belén, retornarase en autobús á praza do Concello.

As inscricións estarán abertas ata as 23:59 horas do mércores 11 de decembro. O prezo é de 6 euros (menores de 10 anos, anotacións gratuíta) e todo o recadado será doado a favor dos damnificados pola DINA de Valencia. O evento conta coa colaboración da Cruz Vermella de Noia, Protección Civil de Lousame, Autos Comparado e Redevol Lousame.

Trail de Lousame. Subida á Muralla 2024

No caso do Trail de Lousame, o Concello oferta un total de 600 prazas, trescentas para cada modalidade: Trail Longo (12 €) e Trail Curto (8 €). Ambas probas serán o domingo 29 de decembro, con saída do Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra e unha espectacular subida ao monte Muralla, un dos miradoiros máis populares da comarca. As inscricións están abertas en Emesports.es ata as 23:59 horas do xoves 26 de decembro ou ata completar a cota de prazas.

O Trail Longo terá unha lonxitude de 25 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.140 metros de desnivel positivo e de 1.140 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 14 km, cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 540 metros de desnivel positivo e de 540 metros de desnivel negativo. A saída terá lugar ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos. As persoas participantes deberán obrigatoriamente levar manta térmica, chifre, teléfono con batería suficiente, sistema de hidratación (mínimo 1 litro) e cortaventos.

O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina do Trail Curto e do Trail Longo, así como premios especiais ao primeiro atleta masculino e feminino empadroado en Lousame e aos tres primeiros clasificados das categorías máster masculina e feminina (45 ou máis anos). A entrega de premios terá lugar no Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra. O Concello terá habilitadas varias zonas de aparcamento, próximas ao lugar da proba e debidamente sinalizadas, e ofrecerá servizo gratuíto de duchas e de gardarroupa.

O Trail de Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración con Futuranea Soluciones Eléctricas y Tecnológicas, GADIS, AlquiNoia, Fermín Simal SL, Tarrío & Suárez Obras e Contratas e Hoka One One. Así mesmo, conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña, a Xefatura Provincial de Tráfico, Protección Civil de Lousame, Cruz Vermella de Noia e da rede de voluntariado local de Lousame.

Pequetrail

Finalmente, o sábado 21 de decembro, a partir das 16:00 horas, será a quenda dos atletas máis novos cunha nova edición do Pequetrail de Lousame. Neste caso, a inscrición é totalmente de balde en Emesports.es, ata as 12:00 horas do mércores 18 de decembro, cun límite de 100 participantes. A proba desenvolverase na contorna do Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra sobre unhas distancias e cun percorrido adaptado ás idades dos nenos e nenas participantes: dos 500 metros para os menores de 8 anos ata os 4 km para os sub-16. O Concello de Lousame entregará medallas a todos os participantes, así como agasallos sorpresa ao rematar cada unha das probas.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.