O pasado venres 22 de novembro celebrouse en Rianxo a clausura do obradoiro dual de emprego denominado Monte Noso, impulsado polo Concello para fomentar a formación práctica relacionada co medio natural e a xestión do agro e das masas arbóreas e vexetais en xeral.
Durante o último ano 15 persoas formáronse nas especialidades de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, así como en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes.
Para a realización deste obradoiro, O Concello de Rianxo recibiu unha axuda de 398.284,65€ da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, xunto co xefe do Servizo de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta de Galicia, entregoulle os diplomas ás persoas participantes.




