Un total de 30 orixinais buscan alzarse co VII Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, segundo confirmou a Área de Cultura do Concello da Pobra que dirixe Patricia Lojo, engadindo que agora o xurado deberá decidir en cal recae esta distinción. Marcos Calveiro, director de edicións de Galaxia; Pilar Sampedro, vogal da A. C. Barbantia; e José Luis Baños, gañador da sexta edición; encargaranse de tomar a decisión.
Convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, este eríxese como un dos premios galegos de referencia na literatura infantil cunha dotación económica de 3.000 euros, a publicación na colección Árbore da dita editorial e o repartimento de exemplares entre a rapazada da localidade, segundo explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo. Engade que “son varias as obras que saíron do prelo ao abeiro deste certame que busca non só promover a produción literaria, senón tamén ofrecerlle lecturas de calidade e en galego ás novas xeracións.”
Nos anteriores anos, o galardón recaeu en Patricia Mallo, con Os Fantom; Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma do baúl pechado; a terceira edición quedou sen adxudicar, por se estimar que ningún dos textos acadaba a suficiente calidade literaria; repetiu Neira Cruz, con Por mor de cinco pizzas aos catro queixos; María Canosa, con Teño un volcán dentro; e José Luis Baños, con Fóra de xogo.




