O sábado 12 de outubro celébrase en Boiro, con punto de encontro no Centro Social, unha xornada micolóxica. Será a partir das 10.00 horas e inclúe dúas vertentes: unha teórica a impartir no Centro Social e outra práctica que é unha saída de campo para extraer cogomelos. A xornada será impartida polo experto en micoloxía Saúl de la Peña Lastra (Universidade de Santiago).
O programa, nun plano máis detallado, vén cun relatorio de Saúl de la Peña a partir das 10.00 horas (Introdución á micoloxía e aos fungos alucinóxenos). A partir das 11.00 comezará vertente práctica da sesión, cunha saída para recoller cogomelos que durará até a primeira hora da tarde. Recomendábel levar roupa cómoda e axeitada e material de extracción e recolección (navalla, cesto, pincel). Cada asistente deberá levar o seu xantar para comer no campo.




