O Concello de Noia, en colaboración co de Lousame, achegará este curso 2024-2025 un novo Obradoiro de Emprego conxunto, centrado en Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Serán 9 meses de formación para 20 persoas desempregadas. O código de especialidade é AGAR0309. As persoas interesadas en acudir poden solicitar praza de forma presencial na súa oficina de emprego ou na web do Concello de Noia (no caso de posuír o cartón virtual). Máis datos no Portal de Emprego. O obradoiro está subvencionado pola Xunta. Unha parte do financiamento da actividade irá destinada, como de costume, a incentivar a contratación en empresas da bisbarra das persoas participantes unha vez remate a formación.
Durante nove meses o alumnado recibirá a formación teórico-práctica prevista nos certificados de profesionalidade, complementándoa con traballos de mellora de masas arbóreas, rozas, podas ou reforestación.




