A veciñanza de Ribeira contribuirá o 3 de outubro á galeguización de Siri, Alexa e outras ferramentas IA

24 Setembro 2024

O vindeiro 3 de outubro o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial, impulsado pola Universidade de Santiago e Secretaría Xeral de Lingua, recala en Ribeira co obxectivo de gravar as voces da veciñanza e impulsar o desenvolvemento dun dos grandes proxectos de Nós: facer realidade (coas contribucións orais da cidadanía) que a Intelixencia Artificial, e máis polo miúdo sistemas tan estendidos e populares como Siri ou Alexa, sexan quen de falar en galego.

Ao longo de todo o día un grupo de persoas expertas da USC estarán agardando polas voluntarias e voluntarios na Aula CeMIT de Ribeira (Cubeliños, 20) para amosar como gravar as voces das persoas que participen na xornada de xeito que poidan contribuír, en última instancia, a un uso pleno do galego en asistentes intelixentes, ordenadores ou dispositivos móbiles en xeral.

Desde o Concello fan un chamamento a “participarmos nun proxecto tan importante coma este para o futuro da nosa lingua”, só é preciso “establecermos contacto co Servizo de Normalización Lingüística (normalizacion@ribeira.gal; 981835650) para cadrar as horas nas que irmos á Aula CeMIT, e evitar así agardas”.

A xeira levarase a cabo o vindeiro 3 de outubro, xoves, en horario de 10 a 14 e de 16 a 21 h.

Lembrar que en datas recentes o proxecto tamén fixo parada en Porto do Son.

Detalles de Nós

O Proxecto Nós é unha iniciativa destinada a consolidar e dinamizar o galego no ámbito das tecnoloxías intelixentes de vangarda (impulsado pola Universidade de Santiago e a Consellería de Cultura a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, agora Secretaría da Lingua). Unha das súas liñas de traballo consiste en recoller diferentes xeitos de falar da nosa terra a través dunha campaña de doazón de voz que busca crear unha gran base de datos dixital que salvagarde o tesouro galego das diversidades dialectais e fonéticas.

O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego “na vangarda das tecnoloxías intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas tecnoloxías lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial”. Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.

Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiras persoas, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen. O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do ILG e o CiTIUS.

A campaña AgasallaNós

O obxectivo da campaña AgasallaNós é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas. A USC explicou recentemente que a finalidade desta campaña é “crear un rexistro o máis variado posíbel”, e para iso é preciso contar cunha gran cantidade de xéneros, idades e variedades dialectais.

As contribucións poden facerse tamén de xeito telemático a través do novo espazo web doagalego.nos.gal creado para esta iniciativa, na que está integrada a ferramenta Common Voice, a aplicación de referencia a nivel mundial para a recollida de voces para o seu uso en materia de tecnoloxías lingüísticas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La gente”. Mario Clavell

“La gente”. Mario Clavell

En mis tertulias oigo generalizaciones tales ‘la gente escapa de Compostela’ o ‘la gente está hasta el gorro de Pedro Sánchez’ …  ¿Quién es la gente’?, ¿la sociedad?, ¿la nación?, ¿toda la nación?, ¿la colectividad, la humanidad? ‘La gente’ es demasiada gente y...

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.