O conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, sinalou este venres 30 de agosto que “Galicia inicia este curso a maior modernización do sistema educativo galego dos últimos 30 anos”. Con estas declaracións referiuse aos cambios organizativos que se estrearán na volta ás aulas “froito do histórico acordo asinado coas organizacións sindicais”, dixo, engadindo que as transformacións continuarán ampliando o seu alcance progresivamente ao longo dos vindeiros anos académicos.
Román Rodríguez comezou a súa intervención cun agradecemento aos empregados públicos da Consellería, “que veñen traballando ao longo de moitos meses, tamén durante o verán, para preparar o novo curso” e que “realizan con éxito procesos tan complexos como a celebración das oposicións con máis de 20.000 aspirantes”.
Segundo engadiu, “con esa estratexia quérese responder a novos retos demográficos, derivados da caída da natalidade ou da chegada de estudantes doutros lugares, que constitúen unha oportunidade para mellor o ensino; retos sociais ante unha sociedade máis aberta e plural, máis sensíbel a diversas realidades, onde a inclusión ocupa un lugar principal; retos tecnolóxicos, desde a dixitalización ao aproveitamento da Intelixencia Artificial; retos laborais, adecuando a oferta de FP ás necesidades do tecido produtivo e intensificando a relación entre centros e empresas, ou retos arquitectónicos, cun novo modelo de centros, con espazos para metodoloxías innovadoras de aprendizaxe e especial atención á mellora da eficiencia enerxética e a sustentabilidade”.

Román Rodríguez enumerou a batería de medidas que empezan a materializarse desde este curso. A primeira delas, “a redución do 20% do número de alumnos por aula”, que comeza en 4º de Infantil, pasando dun máximo de 25 a 20, e que se ampliará ano a ano ao resto de etapas ata completar todo o sistema.
No camiño da atención á diversidade, salientou a iniciativa dirixida a ponderar o alumnado con necesidades educativas especiais por dous ou por tres en base aos informes médicos que acrediten o seu nivel de discapacidade, de dependencia ou de trastorno grave de conduta. Aínda que inicialmente só se ía aplicar en 4º de Infantil, finalmente este cómputo empeza a realizarse nas etapas de Infantil e Primaria. “Isto suporá un reforzo do profesorado para que os centros poidan, en base á súa autonomía organizativa, decidir a mellor opción pedagóxica coa que empregar esta dotación extraordinaria: desdobres de grupo, tratando de evitar a ruptura de grupos preexistentes cando non sexa imprescindíbel; apoio dentro da aula, coeducación con dous profesores simultáneos en clase, subgrupos en materias instrumentais…”, dixo.
Destacou que outro dos eidos de mellora é o ensino rural, “un dos sinais de identidade da educación galega”. Asegurou que se trata dun “modelo de proximidade” que esperta interese máis alá de Galicia, “de aí as visitas recorrentes de delegacións educativas doutros países e comunidades autónomas para coñecelo”. O conselleiro aludiu ao informe presentado o pasado ano e que conclúe que os alumnos do rural e do urbano obteñen os mesmos resultados académicos, para o que é necesario realizar un investimento moi superior en contornas rurais debido á dispersión xeográfica. “Isto garante a igualdade de oportunidades e fai que Galicia sexa a comunidade máis equitativa”, tal e como veñen afirmando os informes PISA nas últimas edicións. Nesta liña anunciou que non se pecharán centros rurais con cinco alumnos -aínda que o mínimo establecido para funcionar é de seis por razóns pedagóxicas e de socialización- naqueles casos nos que existen perspectivas de recuperar matrícula nos cursos seguintes. Por outra banda, no referido aos agrupamentos, ata agora o número máximo de alumnos de distintos cursos de Infantil que compartían unha mesma aula no rural era de 18. A partir deste curso, grazas ao acordo asinado coas organizacións sindicais, será de 14. Tamén esta medida, avanzou, irase ampliando con melloras progresivamente.
Finalmente, Román Rodríguez explicou as melloras na carreira profesional docente, “a peza clave do sistema e do éxito educativo”. De feito, desde o pasado 1 de xaneiro son efectivos varios incrementos salariais en base a complementos que recompensan a aquel profesorado que máis se forma ou que asume tarefas de responsabilidade como poden ser os equipos directivos, as titorías ou postos asimilábeis.” Estes incrementos salariais, que serán progresivos durante tres anos, supoñen en 2024 un aumento da masa salarial de 14M€ e propicia que Galicia escale postos nas retribucións docentes”, sinalou.
A maiores, a petición dos sindicatos, redúcese o horario lectivo do profesorado de Infantil e Primaria, que traballará o mesmo número de horas, pero distribuídas doutro xeito, liberando horas de docencia para outras tarefas como preparar clases. Igualmente, estanse a deseñar, xunto ás organizacións sindicais e centros, medidas para reducir os labores burocráticos, de xeito que se poida reinvestir ese tempo en tarefas estritamente educativas. Ademais, establécense melloras para facilitar a conciliación, flexibilizando as reunións virtuais. Por último, duplícanse as axudas ao profesorado para gastos de formación.



