A Asociación de Mulleres do Barbanza (Mulleres en Acción) convocou unha concentración este mércores 7 de agosto para condenar o novo caso de violencia machista perpetrado en Galicia, desta volta na cidade da Coruña, onde un home septuaxenario acabou coa vida da súa muller, tamén septuaxenaria. A mobilización da organización feminista do Barbanza será novamente en Ribeira, na praza do Concello, a carón da lousa das Vidas Fendidas, este mércores 7 de agosto a partir das 20.30 horas. Na concentración porase o foco en pedir medidas contundentes contra a lacra dos feminicidios, que xa deixaron un triste balance de 61 asasinatos no que vai de 2024.




