O Concello de Rianxo confirmou a recepción dunha subvención por importe de 10.744,80€ para sufragar o servizo de vixilancia e salvamento. O servizo, que está en funcionamento na praia de Tanxil dende o pasado 1 de xullo e continuará durante todo o mes de agosto, ten un custo de 17.901,95€. Así as cousas, a axuda concedida pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes permitirá sufragar o 60% do custo do mesmo.
O alcalde, Julián Bustelo, destacou o feito de que “este ano unha praia do municipio conte por fin con servizo de vixilancia e salvamento todos os días da semana” e sinalou que o obxectivo de cara a vindeira tempada “será cubrir co servizo todas as zonas de baño do municipio incorporadas no censo oficial”.




