A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, estiveron este sábado en Noia, na praia de Boa Grande e acompañados do rexedor Santiago Freire e da dermatóloga Sabela Rodríguez, para facer unha serie de importantes recomendacións de cara o desfrute das praias e do sol durante esta tempada de verán. Por exemplo: protexernos fronte aos efectos do sol durante estes meses estivais e gozar dos areais e do mar de “maneira segura e responsábel”.

Logo de incidir nas “consecuencias negativas que pode ter o sol para a saúde se non se toma con responsabilidade”, Ángeles Vázquez destacou o esforzo que vén realizando MeteoGalicia para ofrecer unha detallada información sobre a radiación ultravioleta. Seguindo este fío, lembro que Galicia está adherida ao programa de comunicación de risco neste eido da Organización Mundial da Saúde e da Organización Mundial de Meteoroloxía e conta ademais con cinco medidores da radiación, cuxos datos ofrécense en tempo real na páxina web de MeteoGalicia, o que nos sitúa como “unha das comunidades que monitoriza de xeito máis completo esta cuestión”, dixo, engadindo que esta medición compleméntase cos modelos de previsión, “co que se ofrece á cidadanía información actualizada e de utilidade dos concellos e das praias para coñecer o índice de radiación ultravioleta ao longo do día e saber cando a exposición é menos perigosa para a saúde”. Deste xeito, apuntou, “poden previrse danos á hora de tomar o sol ou realizar actividades ao aire libre”.
A maiores, sinalou que MeteoGalicia conta cunha operativa ante episodios de calor na que se teñen en conta o valor medio das temperaturas durante toda a xornada en cada municipio para o que, previamente, se calculan os valores que se poden considerar elevados para cada concello. “Deste xeito”, explicou, “se a media dun determinado día é superior a esta, darase un aviso para ese municipio concreto -amarelo, laranxa ou vermello-; e no caso de que estes episodios de calor duren polo menos tres días e afecten a un número considerábel de concellos, decretarase a situación de vaga de calor por parte da Consellería de Sanidade”. Nesta liña, Ángeles Vázquez puxo en valor “a coordinación entre consellerías para que a información chegue aos cidadáns”.
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade incidiu na importancia que teñen as campañas informativas e a prevención nos coidados da pel. Así, destacou que protexer a pel no presente contribúe a reducir a posibilidade de desenvolver algún tipo de complicación no futuro, como pode ser o melanoma.
“Debemos coidarnos do sol, empregar protector solar e evitar a exposición ao sol nas horas centrais do día, nas que a radiación é máis perigosa”, remarcou.
Nesta liña, Gómez Caamaño salientou que a Sanidade pública galega conta “con diversos recursos para atender o cancro de pel”, unha enfermidade que na actualidade ocupa o primeiro posto no ranking de tumores con maior incidencia entre a poboación caucásica, e que se estima que desenvolverán preto do 50% das persoas maiores de 65 anos.
Así, a Sanidade galega avanzou nos últimos anos no tratamento e o diagnóstico desta doenza, dotándose dunha vía rápida do melanoma, dun comité de expertos na enfermidade e un rexistro de pacientes, que permite coñecer a evolución de cada caso.
“Quero aproveitar esta xornada para apelar ao sentidiño” incidiu o conselleiro, quen convidou á poboación galega a facer un uso responsábel do sol.



