Entran no campo de fútbol de Palmeira e causan danos por valor de 8.000 euros

11 Xullo 2024

O campo pertence á Sociedade Fillos de Palmeira e levaba un ano en desuso

Os que asaltaron o campo de fútbol de Ventín, en Ribeira, entraron sen forzar a porta. A Sociedade Fillos de Palmeira descubriu a desfeita cando, despois dunha tempada xogando fóra, volveron ao campo para ver de poñelo a punto.

“Chegamos e o primeiro que vemos son as portas abertas”, relata o presidente, Emilio Pérez. E ao entrar, as instalacións estaban inundadas: “Saía a auga a cachón, había dez centímetros de auga”, di Emilio. 

Pero o susto non quedou aí. Atoparon os vestiarios, os baños e as duchas completamente desfeitos. Rebentaran as pezas de louza, e arrincaran as tubaxes da auga. Hai danos no falso teito, que se desprendeu, e faltan ventás. O caso é que nun principio pensaron que fora por facer mal, porque non botaron nada en falta. 

“Non levaron nada”, explica o vicepresidente do club de fútbol Palmeira, David Fernández. “Revolveron todo buscando algo por aí – engade- pero non sei moi ben o que”. Pero agora, pasada a primeira impresión, empezan a ver que era iso que buscaban.

“Todo o que era metálico levárono, todo o que lles valeu” di Emilio Pérez. “Os lavabos rompéronos porque non lles saían as billas, e acababan antes co martelo”, explica. 

Xa interpuxeron denuncia, pero van ampliala con estes detalles, porque cren que entraron roubar chatarra. Calculan que os danos superan con moito o valor do botín e, despois do susto inicial, xa están decididos a reparalos.

“Non nos rendemos”, di David Fernández. “Sabemos que está moi difícil, pero imos tentar arranxar isto entre todos”. Xa se ofreceron os xogadores, que queren colaborar nas tarefas de limpeza e rehabilitación das instalacións.

A Sociedade Fillos de Palmeira calcula que precisarán cousa de 8.000 euros para reparar a desfeita. E queren xuntar algo máis para instalar un sistema de videovixilancia nas instalacións. Din que están nunha zona illada, e xa non é a primeira vez que lles entrar roubar. 

A meta que se poñen é arranxar o campo este verán e que o club Palmeira comece a tempada que vén de volta na casa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.