Finalmente déronse a coñecer as obras finalistas do Premio Europeo do Espazo Público Urbano 2024, promovido polo Centre de Cultura Contemporània de Barcelona. Dez foron os proxectos seleccionados en dúas categorías, cinco en Xeral e cinco en Frontes marítimas, situados en Bélxica, España, Xeorxia, Irlanda, Italia, Países Baixos, Polonia e Suíza. A maioría deles corresponden a cidades de mediana escala. E mesmo a vilas como a de Porto do Son, que é finalista da categoría de Frontes Marítimas co proxecto de Acondicionamento do bordo portuario sonense, obra dos estudos de arquitectos Creus e Carrasco e r v r. Compite na recta final con outros dos proxectos: o Camino de ronda en Palamós (Girona), de Estudi Martí Franch e Ardevol Consultors Associats; e o Parque Marítimo de Rímini (Italia), de Miralles Tagliabue EMBT

O Premio Europeo do Espazo Público Urbano é un certame bienal e honorífico que, desde o ano 2000, recoñece as mellores intervencións de creación, transformación e recuperación dos espazos públicos das cidades europeas. Esta edición incorpora de maneira excepcional a categoría Frontes marítimas, como resposta á especial vulnerabilidade das cidades costeiras ante o cambio climático. As obras premiadas nas dúas categorías daranse a coñecer o 29 de outubro.
O proxecto da reforma do bordo portuario da vila de Porto do Son, impulsado polo Concello e a Xunta para devolver á localidade os seus vínculos co mar e ao tempo que se puxo o foco en humanizar a contorna, ten no seu haber importantes recoñecementos como o Premio da Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo (BEAU) na modalidade de rehabilitación, ou o Premio FAD.
O proxecto foi desenvolvido por Juan Creus e Covadonga Carrasco e r v r arquitectos (Marcial Rodríguez, José Valladares e Alberto Redondo).



