O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou este martes 18 o concello de Noia, onde anunciou que a Xunta licitará este verán a redacción do proxecto do novo centro de saúde local, “que suporá un investimento de preto de dez millóns de euros”, dixo, engadindo que “a intención do Goberno galego é redactar o proxecto ao longo do vindeiro ano e, xa en 2026, poder contratar e iniciar as obras canto antes”. Na súa visita ao actual centro de saúde desta localidade coruñesa, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde, Santiago Freire; polo director asistencial da área sanitaria de Santiago, Javier Ventosa; e polo director de atención primaria, Felipe Calle.

Gómez Caamaño subliñou que” a Xunta leva tempo traballando, en colaboración co Concello de Noia, para impulsar a construción do novo centro de saúde”. Explicou que o Concello “fixo os seus deberes” poñendo a parcela necesaria á disposición do Goberno galego, para proceder a construír “un centro ben dimensionado, moderno e confortábel para pacientes e profesionais.
Porta de acceso da cidadanía”, indicou dende Noia, onde tamén tivo tempo de reunirse coas e cos profesionais de atención primaria do actual ambulatorio, aos que deu os parabéns polo seu “gran traballo”.
O conselleiro dixo tamén que “se está a elaborar un plan de recursos humanos que ten intención de aprobar neste ano”. E engadiu: “Resulta primordial facer máis atractivo o traballo nos centros de saúde e, a tal efecto, a Consellería traballa nun plan para desburocratizar a atención primaria para reducir ao mínimo ese 30% do labor non sanitario que se realiza na actualidade”.




