
O Hotel Boutique Atmos de Noia vai acoller unha charla que tentará responder á seguinte pregunta: protexémonos correctamente do sol? Con formato de obradoiro práctico, celebrarase o vindeiro 13 de xuño ás 16:00 horas. Está organizado por Naroá Estilismo y Belleza e impárteo a prestixiosa técnica especialista en cosmetoloxía Mónica Noya.
Segundo explica a organización poñéndonos en contexto, “coa chegada do verán son moitas as persoas que se expoñen ao sol de forma temeraria, na praia, piscinas ou mesmo traballando, por este motivo as persoas expertas inciden na importancia de extremar a protección de forma correcta para evitar os numerosos efectos secundarios que provoca o sol na nosa pel… Desde un eritema solar ou, no peor dos casos, a longo prazo, un cancro”.
Engaden que “a elección dun bo protector é fundamental e pode ser factor 50 e non ser o axeitado, pois é posíbel que a súa formulación non conteña todo o que debería ter, polo que debemos fixarnos en determinadas cuestións como que poña explicitamente que protexe contra os raios UVB e UVA (os principais causantes dos danos celulares na nosa pel)”. Ademais, adiantan que “os danos provocados pola radiación solar son irreversíbeis”. Polo tanto resulta fundamental coidar a pel en todo momento, “non só cando imos á praia, tamén nunha camiñada polo monte ou mesmo pola rúa”.
Por todos estes motivos, desde o salón de peiteado Naroá, situada en Noia, decidiron organizar un taller gratuíto para concienciar e orientar sobre como previr os efectos secundarios da exposición solar.
Como dixemos, a charla será impartida pola recoñecida especialista cosmetóloga Mónica Noya e empregará un enfoque totalmente práctico, compartindo consellos efectivos para manter unha pel saudábel durante todo o ano. Está dirixido tanto a persoas que traballan ao aire libre, como para o tempo de lecer ou deporte.
Celebrarase o 13 de xuño, de 16:00 a 18:00 horas, no Hotel Boutique Atmos.
Para asistir hai que inscribirse a través da ligazón habilitada. O obradoiro é totalmente gratuíto pero as prazas son limitadas.




