A Asociación Saúde Mental A Creba, formada por persoas profesionais, e familiares de persoas usuarias con trastorno mental, vén de adquirir un local no centro de Noia, concretamente no andar baixo do 2 da rúa Virxe do Loreto.

“Pretendemos crear un espazo onde as persoas usuarias poidan ter un papel máis activo dentro da comunidade”, sinalan dende a asociación solidaria da nosa comarca con motivo da estrea das novas dependencias, engadindo que estas serán de importancia “para mellorar a inclusión e o apoderamento das persoas con discapacidade, xa que tódalas persoas teñen dereito a elixir, formar e xestionar a súa vida co apoio axeitado, tanto individual como grupal”. E engaden: “A maioría das persoas con trastorno mental teñen grandes necesidades de apoio e dificultade de relación, e neste caso ao achegar os centros que xestiona a entidade á comunidade, contribuiremos a que poidan relacionarse cos veciños, ir aos comercios, acudir a citas médicas, facer xestións bancaria, etc, sen necesidade de depender doutras persoas con vehículo, ou de trasporte público para poder realizar as mesmas”. A maiores, dende A Creba queren tamén seguir loitando contra o estigma social asociado ao trastorno mental, crear conciencia da necesidade de humanizar o ámbito da saúde mental e minimizar o risco de exclusión social.
Nesta mesma liña de traballo comunitario que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas usuarias, A Creba vai poñer en marcha como cada verán o seu Rastrillo Solidario. Nesta ocasión poderemos acudir a mercar todo tipo de produtos (cerámica, libros, películas, xoguetes, louza, complementos etc), desde o día 03.06.2024 ata o 15.08.2024 en horario de 10:00 a 13:00h.
“Estaremos cada mañá diante da escultura de Avilés de Taramancos na Alameda de Noia e animámosvos a colaborar mercando algún artigo ou charlar un ratiño connosco para seguir coñecéndonos a afianzar lazos”, sinala a comunidade da Creba.



