Este mércores 29 de maio a Asociación Saúde Mental A Creba celebrou un xantar de confraternidade coas persoas usuarias da entidade inclusiva da nosa comarca, persoas traballadoras da mesma, socios de honra, membros da xunta directiva e representantes dalgúns dos diferentes concellos da zona de actuación da Creba (alcaldes e concelleiros de Ribeira, Porto do Son, A Pobra ou Muros, entre outros municipios da contorna). A cita foi no Restaurante Casa Vilas, en Bretal, Olveira (Ribeira).

Ao xantar acudiron unhas 85 persoas.
Foi, en palabras da organización, unha xornada lúdica e festiva na que se puxo en valor o esforzo das persoas que padecen doenzas de saúde mental, que implican unha loita diaria na súa vida cotiá; e o sentimento de pertenza e unión entre as persoas que constitúen a asociación.

En palabras da Creba, “a presenza dos/das representantes de diferentes concellos de actuación da entidade, foi un reflexo de interese polo colectivo de saúde mental, e de necesidade de fortalecer a súa colaboración, así como, de agradecemento por parte da entidade pola súa asistencia e contribución… Foi un punto de encontro que deixou patente a necesidade de facer realidade unha comunidade inclusiva e remar xuntos pola saúde mental”.




